XOSÉ LOIS PARENTE / XOSÉ VELO
Pásanos Rodolfo Xoán Lamas Conde [orixinario de Xunqueira de Ambía] o volume “Xosé Velo, textos escollidos” [Dep. Pontevedra, 2022]. Interesante achega arredor deste singular activista político, abeirado ao galeguismo dende a xeira republicana [Celanova, 1916 – São Paulo, 1972]. Nesta aproximación mergullámonos na súa complicada vida e na súa dispersa obra literaria, incluída a súa aventura [a través do relato do seu fillo Víctor Velo] no secuestro do buque transatlántico portugués Santa María o 22 de xaneiro de 1961 [cubría a rota Miami – Lisboa], para “derribar” a Franco e Salazar [como obxectivo de máximos na inicialmente chamada Operación Dulcinea], que ao remate quedou nunha sonora denuncia ás ditaduras de España e Portugal e o seu “Pacto Ibérico”]. Mesmo fasquías como a dun pseudónimo seu [Carlos Junqueira de Ambía como “nome de guerra”, xa que logo pasara a súa noite de vodas nesa vila ourensá].
Ao remate do volume atopamos, na bibliografía, unha referencia ao noso libro “Xosé Lois Parente, poeta e galeguista na II República” [Santiago Prol, 2006]. Nós citamos naquela achega a Pepe Velo varias veces, nomeadamente co gallo da Federación das Mocidades Galeguistas [FMG]. En Celanova, en setembro de 1932, había 42 afiliados, abandeirados por Celso Emilio Ferreiro, entre os que estaba Xosé Velo [ANT, set. 1932]. En 1934 o secretario xeral da FMG era Francisco Fernández del Riego [naquela altura con 21 anos]. Dende abril de 1935 Xosé Velo sería o novo secretario xeral da FMG [con 19 anos de idade].
No volume que nos pasou Rodolfo, na “Derradeira carta a Celso Emilio Ferreiro” [pp. 108-112], datada en São Paulo o 26 de outubro de 1971 [Velo finaría tres meses despois], pon “a caldo” a don Paco… Moi tocado por un cancro que o estaba fulminando, escribe Xosé Velo Mosquera: “Os líderes galegos, fóra de Castelao e Bóveda, ten sido grolos. Da ilustrísima e elocuentísima negatividade de Otero Pedrayo, á sempre rastreira burricie do erudito Del Riego, burro, erudito, covarde e mal intencionado, pouco lle resta ¿Non é? Xa non hai nada organizado que preste”…
No noso volume [Prol, 2006] exhumamos o poema “¡Mozos!” [pp.93-94] que leva unha dedicatoria: “Prós mozos ferventes do grupo [das Mocidades Galeguistas] de Celanova”, entre os que estaban Celso Emilio e Pepe Velo. Saíra publicado inicialmente no Heraldo de Galicia [23/I/1933] e logo no poemario “Con prisma azul” [X. L. Parente,1933]. Eis a composición poética completa: “Andan chamando por vós; / cada cal vai ó seu macho; / Agardade firmes a orde, / que imos arrincar co carro. / Adiante mozos varudos! / Vamos!! / Erguede as cobras das trallas; / rizade os lóstregos bravos; / e sacudídeos ó ar / en secos pistoletazos. / Ninguén se durma, coa lingua / ferinte do meu vergallo, / o mesmo cae na reata / que nos lapóns demorados. / Todos na oblicua tenzón, / cada cal polo seu lado, / cos machos alporizados / ficando a corte do casco, / mozos varudos da terra, / temos que saír do paso!! / Xa nacerá un mañá / de festa dos liberados, / que en pleno vieiro libro, / co ar vestido de branco, / as azuis serpentinas / dos lóstregos dos trallazos, / estouren preto do ceo, / borrachas da luz de maio, / e chovan as sete estrelas / encol do cáliz dourado, / que brinde a hostia do Sol / a un pobo en día de branco, / cruzado polo azul / da luz dos lóstregos mansos. / Pro hoxe, mozos da terra, / temos que saír do paso!!”