XAN CARBALLA, O XORNALISMO CON MAIÚSCULAS
Xa nos vimos o primeiro día de clase [curso 1978-79] na Escola de Maxisterio de Ourense, daquela coñecida como A Normal [outrosí como “A Fábrica” -de opositores-]. Nós eramos, dentro da aula de Filoloxía, os “frikis” de Inglés. Aquel centro de ensino estaba no Barrio da Ponte, cunha praza presidida por un busto de don Vicente Risco polo seu sempiterno vencello coa Normal. Xan e a súa irmá Bea viñan dende Vigo e vivían perto da Estación de Ferrocarril Empalme. El sempre mercaba o Faro, algo insólito no bretemoso Ourense dos anos 70, onde, como moito, a xente lía La Región polo que publicaba sobre as súas comarcas, polas cartas ao director e polo das “esquelas” [o da viñeta do Carrabouxo do Xosé Lois veu dende o 1982, hoxe recoñecido cunha estatua no Parque de San Lázaro]. Nós mercabamos El País o día no que colaboraba Gabriel García Márquez [os mércores]. Tiñamos unha compañeira colombiana [Karen] que o tiña mitificado [nós tamén]. Sempre estaba pendente do que escribía o de Aracataca [ou Macondo na ficción]. Cando saíu Crónica de una muerte anunciada [1981] fomos “a todo filispín” á Librería Tanco [na Rúa do Paseo naquela altura] pra mercar a novela [temos datado o noso exemplar o 16/VI/81]. Lemos o libro dunha tacada: [“El día en que lo iban a matar, Santiago Nasar se levantó a las 5.30 de la mañana para esperar el buque en el que llegaba el obispo”]. Logo veu o Nobel de Literatura no 1982 pra Gabo, pero xa lle perderamos a pista á nosa amiga colombiana, que tiña unha fala -e un acento- moi singular, que tanto lle gorentaba ao profesor de Pedagoxía [Xosé Paz]…
Dende as primeiras xornadas nas aulas iniciamos conversa con Xan. Ten razón el nunha interesantísima entrevista que lle fixo recentemente o escritor e xornalista Manuel Veiga Taboada. Todo o que había no temario dos tres anos de Maxisterio podíase “liquidar” en 6 meses. Nós viñamos “rebotados” de Medicina en Compostela e os exames na Normal eran excesivamente “normais”…
Na nosa clase, ademais de Xan e da súa irmá Bea de Vigo, estaba o Manolo Ledo de Ambía –sobriño do editor Bieito Ledo-, o Cortés de Cacharrequille, o López Carreira de Ourense -fillo do cronista oficial e irmán do prestixioso medievalista-, o Hervella de Valdeorras, o Heric -a súa “frauta” e o seu “noivo na mili”-… Tamén andaban por alí a Nancy, a Loli, a Sara, a Karen, un par de freiras [monxas] que viñan “uniformadas” e sempre se puñan na primeira fila sen comunicarse con ninguén. Tamén estaba a filla do escultor Buciños e outra enigmática moza -inaccesíbel- que viña nun coche con chofer uniformado o primeiro ano e logo conducía ela mesma [rumoreábase entre o alumnado que era filla dun dos principais accionistas do Hotel Bahía de Vigo]. Abeirabamos os 90 discentes entre o 90% dos de Francés e o 10% dos “frikis” de Inglés. Como Xan viña de Vigo axiña falamos de Francisco Carballo, que el coñecía pola Asociación Cultural e tamén polo semanario A Nosa Terra, no que tamén estaba -como pioneiro da nova xeira- o seu irmán maior Fernando.
Nós metémonos no Orfeón Unión Orensana xa no primeiro trimestre do 1º curso, motivados por don Xerardo Salgado Valdés, catedrático de Música en Maxisterio, xefe de estudos: [“¡Menos discoteca y más biblioteca!”], organista oficial da Catedral de Ourense e director daquela histórica coral polifónica. En 2º xa non viviamos na Rúa Bedoya, naquela pensión chea de macedáns vilegos e tamén doutros abeirados á aldea de Castro de Escuadro. Na nosa casa mercárannos un Dyane-6 de segunda man e viaxabamos dende Maceda todos os días. Os que tocaba ensaio no Orfeón, quedabamos a comer en Ourense [Bar Orellas na Rúa da Paz, bocata dobre de anchoas no Pepinillo da Rúa Reza, prato combinado arredor da Estación Empalme e, por veces, enchente de anguilas en Untes con algunhas das nosas amizades…]. Como as clases eran como eran, faciamos “turismo” a esgalla co Dyane-6, nun radio duns 25/30 km arredor de Ourense moitas tardes co coche sempre a tope. Ao Mosteiro de Oseira [Cea] fomos unhas cantas veces con xente moi variada [Xan Carballa tamén]…
En 2º de carreira tiñamos Galego como materia. Como lla “emplumaran” [por aquilo das “afíns”] á de Inglés, ela non quería impartila, pois, ademais de anglófona, era moi españoleira. Asambleariamente e dun xeito improvisado decidimos que, senón puñan profesor de galego, daríamos nós a materia. Eu collera os meus apuntes de COU que nos dera o Arturo do Viñal e tamén os outros “semiilegais” do Peleteiro e impartira a primeira clase cunha asistencia masiva. A segunda clase, tamén atestada de xente, deuna Xan Carballa comentando o poema: “Castellanos de Castilla, tratade ben aos galegos, cando van, van como rosas; cando vén, vén como negros” de Rosalía de Castro. Fora suficiente. Chamounos o xefe de estudos “a capítulo” no seu despacho aos dous. Logo comunicounos que dende a semana seguinte teriamos docente de Galego. Nós logramos o que pretendiamos…
O docente que máis nos “molaba” era o xa nomeado -e malogrado- Xosé Paz, que daba Pedagoxía, deixaba levar libros e apuntes ao exame, regalaba “chupachups”, falaba a cotío de Rabindranath Tagore e abandeiraba o Cineclub Padre Feijoo… A profesora María do Carmo Henríquez Salido impartía Literatura Española -en galego reintegracionista- dun xeito insólito: “Calixto chimpa a Melibea” / “Dona Ximena era unha estreita”… Tamén estaba Xavier Castro, que nos dera a optativa de Historia en 3º. A este singular profesor chamabámoslle Kautsky entre o círculo máis noso. Era amigo do doutor Celso Sánchez de Maceda, compañeiro de piso del en Compostela e coñecido co nome dese teórico marxista entre o estudantado. Moi metódico, daquela preparaba a tese doutoral e sempre estaba amoreado con libros na biblioteca da Normal. O profesor Kautsky puña música clásica de fondo nas clases, proxectaba filminas e traía textos fotocopiados de historiadores como Tuñón de Lara e Pierre Vilar pra comentalos entre todos…
Estivemos en Maxisterio dende o 1978 até o 1981, os “tres cursos de regulamento”. Xan foi pra Vigo [xa inserido no staff d´ANT] e nos -inicialmente- pra Compostela ao Curso de Adaptación de Filoloxía [daquela estaba en Mazarelos]. Como non nos seducía ren, decidimos regresar axiña, preparar as “opos” pra independizarnos canto antes, seguir co Orfeón e as súas excursións e actuacións, mercar e ler moitas novelas do realismo máxico, de espionaxe e distópicas, escoitar a “nova” música brasileira en Radio-3, dar paseos coa mobylete da casa pola contorna e polas corgas do San Mamede e o Rodicio, ir co Citroën Dyane-6 mesmo alén do Padornelo e por Portugal adiante… Até facer tertulia a cotío co Celso e co Moncho, que tamén estaban coas súas “opos” concentrados na nosa vila…
A comezos dos 90 comezamos a escribir traballos que enviabamos a Xan, pra que puidesen ser imprentados no semanario A Nosa Terra do que xa era redactor [comezara como reporteiro gráfico]. Deunos “cancha” -supoñemos que co “visto e prace” do director Afonso Eiré [Pucheiro]- sobre Bob Dylan, A Bella Otero, Xosé Gómez Gayoso, Benigno Álvarez, Quiroga Palacios, Francisco Carballo…
En Nadal de 2000, logo dunha conferencia no salón de actos da Casa do Concello, co gallo do centenario do nacemento do Cardeal de Galicia [Fernando Quiroga Palacios, Maceda, 21/01/1900], entre Bieito Seara, Celso Sánchez e nós mesmos, convencemos ao presbítero ilustrado de Maceda [no Restaurante do Alto do Couso] pra que tivese a ben facer un libro de “Conversas” con nós e con Xan Carballa. Tardou pouco en dicir que si. Na primavera de 2001 fomos até o Colexio San Narciso en Chan do Monte [Marín] unha ducia de sábados [Xan dende Vigo e nós dende Compostela]. Logramos artellar un máis que interesante libro, que nos deu moitas satisfaccións aos tres [mesmo fora “destripado” dende a cúpula dos PP Paúis en Madrid -Revista Yuca– cun resultado moi “airoso”]. Naquela altura, e xa con moita confianza, deunos un dobre consello Paco Carballo, o noso egrexio veciño de Celeirón de Asadur: que os textos longos non os lía ninguén e que deberiamos empregar moi poucos adxectivos…
Ademais da homenaxe que lle fixeramos en agosto de 2000, como o “Fillo máis sobranceiro vivo do Concello de Maceda” [nomeado oficialmente -por unanimidade do pleno- por iniciativa do alcalde Bieito Seara en 1995] e o nome oficial da Biblioteca Pública á que el doara boa parte dos seus libros, seguimos en contacto. Nós achegámonos á redacción d´A Nosa Terra, na Rúa Príncipe, 22, baixo, unhas cantas veces, mesmo co gallo da publicación do libro “Benigno Álvarez, un comunista na Galiza dos anos 30” [ANT, 2008]. Sempre quedabamos con Xan Carballa pra tomar un cafeciño perto da Fundación Penzol. Tamén nos viamos en Compostela o Día da Patria, o Día das Letras Galegas e noutras “manifas” a prol da dignificación do Noso. Carballo tamén estaba alí cos da “furgalla” do Morrazo…
En 2005 a Francisco Carballo fíxoselle en Marín unha recoñecida [e masiva] homenaxe en clave de País. Xan, xeneroso coma sempre, deixou que fósemos nós os que iniciásemos a mesa redonda na que había “un nivelazo”. Participaran Afonso Eiré, Paco Rodríguez, Anselmo López Carreira, Victorino Pérez Prieto, Rubén Aramburu, Engracia Vidal, Santiago Prol e Pilar García Negro. Folga dicir que o salón de actos da Biblioteca Pública de Marín estaba atestada de amigos/as nacionalistas do Noso País.
Na última xeira d´ANT, na que Xan Carballa era o subdirector do semanario, seguímolo aínda máis de cerca: estivera no Consello da Cultura Galega, colaboraba con relevantes entrevistas en galego [un dos mellores xornalistas nese eido] en Luzes, suplemento vencellado a El País. Outrosí como tertuliano na radio e tamén na TVG. No Nadal de 2009 mesmo nos demandara o historiador Bieito Alonso, dende a editora d´ANT, que fixésemos un breve libro [Maceda na Historia], que entregamos en prazo e que ía saír logo do verán de 2010. De feito, tanto Xan como Carballo, dixéronnos aquel 25 de Xullo, que en setembro imprentarían o “triángulo” Verín, Xinzo e Maceda naquel formato tan telegráfico como fermoso. Logo, como diría Iglesias Corral, “pasou o que pasou”, e o proxecto xornalístico [e paralelamente o editorial], rematou con máis de 100 anos de traxectoria…
Xan Carballa Alonso, un xornalista con maiúsculas [nada ortodoxo, navegante a contracorrente -como dicía Carballo- e referente como reporteiro gráfico capital da memoria do nacionalismo galego dende os anos 70], non está recoñecido como debería nesta Nosa Galiza. Hogano mantén unha fermosa editorial [Engaiolarte] que verdadeiramente engaiola. Seguimos colaborando os dous coa Asociación Amigos de Francisco Carballo [AAFC], que artellamos dende Maceda ao ano seguinte do seu pasamento [por iniciativa der Bieito Seara], e que non estivo operativa estes dous anos por culpa deste “mosqueante bicho”. En roteiros próximos pola nosa contorna, invitaremos a Xan Carballa pra que nos deleite cun “flashback” integral sobre Francisco Carballo dende que o coñecera nos anos 70 en Vigo [“o crisol de Galiza” en verbas do presbítero ilustrado de Maceda], que fora pra alí en 1973 pra traballar dende a base [nun piso compartido], renunciando a unha carreira na cúpula dos PP Paúis, onde puido chegar -a nivel eclesiástico-, mesmo até onde tiña chegado o Cardeal Quiroga Palacios [ou máis alá], que tamén era de Maceda e co que se entrevistara un par de veces no Pazo de Xelmírez en Santiago de Compostela.
Sorte amigo Xan nesta arrevesada xeira de hogano. Moita sorte que boa falta fai. Graciñas mil polo do “motor diésel de Maceda”. Non todos neste Noso País son tan “bos e xenerosos” como din algúns… Xan Carballa si está incluído por méritos propios nesa “escolleita nómina pondaliana”. ¡Saúde e Patria! ¡Sempre!