VINDICACIÓN

VINDICACIÓN

Portada do libro secuestrado por orde xudicial en 1980. Foto: Santiago Prol.

Vulgarizamos os tres contundentes parágrafos do volume colectivo “Historia de Galicia”, ANPG, 1979 [“Apéndice dende 1939 até 1979”, autoría de Francisco Carballo], que lemos perante máis de 30 persoas, na homenaxe do 30 de decembro de 2023, a carón da praza que leva o nome do historiador e presbítero ilustrado de Maceda. Á xudicialización arredor do libro e do autor do apéndice [e da Idade Moderna], meterémoslle o dente noutras achegas:

Acto vindicativo a prol do legado de F. Carballo en Maceda o 30 de decembro de 2023. Arquivo do autor.

“Os vencedores da Guerra Civil (1936-39) propuxéronse someter a Galicia á función de simple provedora, extremando a opresión das clases traballadoras. Imos relatar este intento do grupo dominante e a resistencia dun pobo á súa aniquilación. Dous son os períodos desta etapa: un, dende 1939 até mediados dos 50 e outro, dende mediados dos 50 até hoxe [1979]. Porque o conflito prosigue (…).

A opresión, a miúdo violenta, que o poder exerceu sobre a poboación foi constante, o mesmo no cultural [como prohibindo festas seculares, acción na que colaborou a xerarquía eclesiástica especialmente os bispos de Ourense], que no económico, social e político. No mes de agosto de 1975 Galicia viviu unha onda de terror. Detencións e rexistros domésticos culminaron o día 12, no que a policía española asasinou a Xosé Ramón Reboiras Noia, un dos dirixentes da UPG (…).

A historia de Galicia é hoxe, máis ca nunca, a dun pobo desexoso de gobernarse por sí, rompendo cadeas seculares. Mais non somos un caso único; a loita pola liberación nacional e popular non nos é exclusiva. En todo tempo, e máis fondamente no século XX, os movementos de afirmación da propia identidade relacionáronse cos dos países colonizados e das clases oprimidas (…) O proceso de liberación de Galicia estase inscribindo na Historia Universal, como un capítulo da liberación das clases e nacións sometidas aos imperios”. FRANCISCO CARBALLO

N.B.- Eis os enlaces ao recollido polos xornais La Región e La Voz de Galicia. Beizón!

Os comentarios están pechados.