ARREDOR DE NÓS. FRANCISCO CARBALLO

ARREDOR DE NÓS. FRANCISCO CARBALLO

Vídeo “ARREDOR DE NÓS. FRANCISCO CARBALLO”. TVE-2 (2006)

Na primavera de 2006 recibimos unha chamada telefónica da xornalista María Tareixa Navaza. Puxérase en contacto con nós (a través de Xan Carballa, coautor das Conversas con Francisco Carballo, ANT, 2002), para artellar o último programa da serie “Arredor de nós”, que dirixía ela e que emitía a TVE-2 eiquÍ. Escollera a Francisco Carballo por todo o que representaba para o Noso País. Quedamos en San Marcos (no edificio da TVE en Compostela). Achegámonos cun bo feixe de documentos, con fotos, con case todos os libros que publicara Carballo e, por suposto, cun exemplar das Conversas, que lle deixamos como agasallo e que sairía no programa, mesmo como eixo central. Perfilamos coa xornalista até empardecer as fasquías de Francisco Carballo, para desenvolver logo na entrevista, que ía durar uns 30 minutos. Mesmo nos propuxo participar, xunto con outras persoas (que tivesen que ver con el en diferentes eidos), naquel programa cunha breve intervención. Teriamos que sintetizar todo o que significaba para nós Francisco Carballo nun minuto como máximo e, a poder ser, mirando á cámara ser ler.

As outras persoas invitadas por María Tareixa Navaza para participar naquel [xa histórico] programa foron Afonso Eiré, director do semanario A Nosa Terra, xornal do que F. Carballo fora un dos máximos artífices da súa recuperación; outrosí Alfredo Suárez Canal, naquela altura Conselleiro de Medio Rural do Goberno Bipartito (PSOE / BNG); Engracia Vidal, teóloga e figura central da revista Encrucillada e tamén Anselmo López Carreira, medievalista egrexio e un dos máximos representantes da Escola de Historiadores abeirados ao proxecto editorial d´ANT que creara e dirixira F. Carballo.

Logo dunha moi lograda entradiña -fotos, texto e imaxes- que sintetiza boa parte da súa traxectoria vital, a conversa daquel programa foi transcorrendo de vagar, pero coa profundidade que Francisco Carballo lle imprimía, xa que logo a xornalista era consciente de que estaba diante dun dos ilustrados máis salientábeis do Noso País.

N.B.- Invitamos a quen nos siga nesta bitácora, repare durante 29 minutos e 56 segundos neste singular documento audiovisual que rescatamos (coa imprescindíbel colaboración dos amigos de MACEDA NA REDE, aos que reiteramos o noso agradecemento). Saúde!

Os comentarios están pechados.