QUIROGA PALACIOS, CARDEAL AO PÉ DA OBRA

QUIROGA PALACIOS, CARDEAL AO PÉ DA OBRA

Columna de opinión da nosa autoría no xornal La Voz de Galicia, 21/01/2000

Ao abeiro do centenario do nacemento de Fernando Euloxio Quiroga Palacios na vila de Maceda [Ourense], activamos o seu legado con traballos no semanario A Nosa Terra, no xornal La Región e tamén en La Voz de Galicia. Denantes fixeramos o propio na revista inculturada de reflexión cristián “Encrucillada”. O 21 de xaneiro de 2000, na sección “Sociedade”, o xornal de maior tirada eiquí [La Voz] dedicáballe unha páxina completa ao fillo predilecto de Maceda, que titulaba “O último Cardeal”, da man do historiador Carlos Fernández Santander. Tamén incluía unha columna de opinión da nosa autoría [que resiste ben o paso do tempo] e que imos recuperar [outra volta], xusto cando se cumpren 50 anos do seu pasamento. ¡Beizón!:

“… Na convulsa etapa republicana esbozou a imaxe dun sacerdote reflexivo, incitado -en parte- pola súa química co galeguismo cultural, atestado de católicos fervorosos. Tentouno en revistas e xornais da época. En “Logos” [publicación galeguista de pensamento cristián] escribiu os máis soados. Apoiou, animado polos sobranceiros de Nós, o Plebiscito Estatutario de 1936. Cando irracionalidade dexenerou naquela guerra, Quiroga converteuse nun decidido home de acción.

Nos anos máis duros da posguerra ensaiou -con éxito- unha política de portas abertas, que logo incrementaría en Compostela coa cadeira arcebispal dende 1949 [mesmo como prelado construtor]. Como cabeza visíbel da Igrexa galega “representaba a galeguidade, o respecto ás tradicións e a esperanza das melloras pra Galiza” [A. Fraguas]. ¿Sobredimensionado? Case ninguén se sentiu defraudado se temos en conta o contexto histórico. Viu reforzado o seu proxecto co ascenso ao cardenalato en 1953.

¿Magnificouse a súa dimensión galeguista? Publicou en galego nos anos 30 vindicando a predicación no noso idioma. Foi o primeiro cardeal en toda a Historia de Galiza que oficiou unha misa en galego. Promoveu e conseguiu que a liturxia se puidese empregar en galego dende xaneiro de 1969. Dende que rematou a IV sesión do Concilio Vaticano II, converteuse “nun dos cardeais máis abertos e dialogantes e tivo unha pastoral de preocupación intensa por Galiza” [F. Carballo].

¿Foi Quiroga Palacios un factor de transformación ou reforzou o sistema ditatorial vixente? Dentro das regras coas que se podía xogar no nacional-catolicismo, moveuse; con moito tacto, mais moveuse [entrevistouse con relevantes exiliados]. Conseguiu a conmutación de penas e “gracias singulares” a presos políticos. Nas alocucións políticas, en resposta ao xefe do Estado [Franco], deixou caer demandas pra Galiza, que se trocaron en esixencias nas últimas homilías. Foi clave na Historia da Igrexa galega do século XX. Dende o Concilio cambiou a súa mentalidade. Estivo máis comprensivo coas correntes contemporáneas e coa súa realidade cotián. ¿Por que bispos de orixe galega, cregos progres, ex curas comprometidos co Noso País, galeguistas históricos, intelectuais, políticos e historiadores actuais na órbita do nacionalismo, viron sempre a figura do Cardeal Quiroga Palacios cunha profunda consideración e recoñecemento?”

Lápida en bronce do sartego do Cardeal Quiroga Palacios, a carón do Pórtico da Gloria na Catedral de Santiago de Compostela. Eis o texto vertido libremente do latín, que mesmo sintetiza boa parte do seu currículo: “Eminentísimo e Revedendísimo Señor Doutor Fernando Quiroga Palacios, Bispo de Mondoñedo, Arcebispo de Compostela, Cardeal da Santa Igrexa Romana, Legado Pontificio nas Illas Filipinas, Pai do Concilio Vaticano II, Primeiro Presidente da Conferencia Episcopal Española, insansábel promotor do culto ao benaventurado Santiago, outrosí de acrecentar as peregrinacións ao seu sepulcro, degoirante sempre pra que todo se fixese en caridade, entregado ao coidado pastoral, piadoso, celoso, benigno, descansou en Cristo o 7 de decembro de 1971”. Foto: Santiago Prol
Os comentarios están pechados.