CASTELO DE SÃO JORGE, RESIDENCIA DE JOÃO DA NOVA EN LISBOA

CASTELO DE SÃO JORGE, RESIDENCIA DE JOÃO DA NOVA EN LISBOA

Do noso libro “Nobres vencellados ao Castelo de Maceda” [Prol: 2009, Difusora], e dentro do capítulo monográfico de síntese, “João da Nova, o galego máis relevante do século XVI”, recuperamos -desta volta- parágrafos que contextualizan a súa xeira como alcaide de Lisboa, mesmo dende a súa residencia oficial no iconográfico Castelo de São Jorge, que fora erixido polos mouros no século XI:

Eis un logrado documento visual arredor da que fora residencia oficial do galego João da Nova na Lisboa de finais do século XV e comezos do XVI.

“Asentouse João da Nova en Lisboa polo ano 1480, mesmo cando empardecía o reinado de Afonso V [1438-81]. Dez anos despois, xa no de João II [1481-95], aparece documentalmente o mariño galego como membro da súa garda persoal. Na década dos oitenta tiña participado activamente nas expedicións militares, comerciais e de exploración polo Océano Atlántico nas armadas portuguesas, consonte Damião de Góis, que fora tesoureiro da feitoría de Flandres. En 1566 escribía este reputado humanista en “Crónica do Felicíssimo Rei D. Manuel de Gloriosa Memória”, que o nauta galego “tiña feito moitos servizos ao Reino en África”. Os navíos portugueses circulaban regularmente polas augas atlánticas na procura de ouro, marfil, escravos e malagueta [un aromatizante parecido á pementa]. Había que perfeccionar as embarcacións e as técnicas de orientación pra gañar espazos cara o sul.

En 1495 morreu João II. Este monarca gobernou Portugal “con pulso de ferro”. Artellou un proxecto de expansión moi estruturado, complexo e ambicioso. Uns chamábanlle O Príncipe Perfeito e outros O Tirano, xa que logo fixera unha sanguenta depuración nos seus abeirados. Ao marqués de Montemor [irmán do duque de Brangança] acusouno de conspiración. Foi xulgado e decapitado na praza maior de Évora. Acoitelou persoalmente ao duque de Viseu [irmán da raíña e do seu sucesor]. Executou a destacados membros da alta nobreza, outros fuxiron a fume de carozo de Portugal. O bispo de Évora fora envelenado na cadea. Ao magnate xudeu Isaac Abravanel acusouno de financiar a conxura. Condenado a morte, logrou escapar “in extremis” mercé aos seus influentes contactos. Tamén o cardeal Jorge da Costa saíu espavorecido cara Roma e non regresou endexamais a Portugal.

Estaba a consolidarse o centralismo rexio e o fanatismo relixioso coa reconquista de Xerusalén e a expulsión dos xudeus da Iberia. Logo dalgúns atrancos pola sucesión, subiu ao poder o irmán da raíña, don Manuel I, de 26 anos de idade [1495-1521]. Con este soberano [alcumado -con menosprezo e certa envexa en Europa- como o rei da pementa] pasaría o nauta galego á primeira liña da vida pública portuguesa, coa conivencia do seu amigo da alta nobreza lusa Tristão da Cunha, o favorito da Corte e financeiro relevante, que levaba as contas do monarca [hogano homologado cun ministro de Facenda]. En 1496 xa atopamos documentalmente a João da Nova exercendo como alcaide de Lisboa e como cabaleiro da casa do Rei, dentro do círculo nobiliario máis próximo á coroa. Dende aquel relevante posto [con residencia oficial no Castelo de São Jorge], controlaba información privilexiada sobre as actividades económicas, políticas, administrativas e militares do emerxente Estado portugués (…).”

Outro sinóptico vídeo do Castelo de São Jorge [Lisboa], narrado en portugués, xa ao pé da fortificación.

Os comentarios están pechados.