QUE É VOAR CONSONTE JOSÉ PIÑEIRO

QUE É VOAR CONSONTE JOSÉ PIÑEIRO

Portadas de dous libros capitais na traxectoria do aviador José Piñeiro [arquivo do autor]

Nunha achega anterior, que titulamos “José Piñeiro, o intrépido aviador do Seixo” [pinchar eiquí], procuramos mergullarnos nun singular aviador galego; un avanzado orixinario do Seixo [Mugardos]. Recentemente apareceu un interesante volume do escritor compostelán Xavier Lorenzo Tomé titulado “Piñeiro, o aviador, e o señor Verne” [Edicións Positivas, 2022]. Unha incursión abondo atractiva na que mestura “fantasía e crónica, o que puido ser e o que foi, a verdade e a posverdade, a Historia que nos varre…”, como ben apunta o autor que ten como fonte fundamental o “excelente” e iniciático libro de Carlos Quintia, publicado pola Libraría NÓS de Sanxenxo cun título moi aquelado: “El vuelo de la gaviota” [1998]. Completaban a portada cunha consigna na que salientaban que era a “primeira biografía do pioneiro da aviación española José Piñeiro González, o home-paxaro galego”.

Atopamos o libro de Carlos Quintia nunha céntrica libraría en Ferrol [especializada en libros vellos e de ocasión]. Na páxina 51, José Piñeiro cóntalle a un xornalista que “voar non é máis que transformar decontado as sensacións de desnivelación en contracións musculares, que actúen axiña contra os remuíños da atmosfera que tenden a separar o aparello da súa posición horizontal de equilibrio. Saber voar consiste en posuír os centros nerviosos axeitados e en decatarse en todo momento da horizontalidade lonxitudinal e transversal do aparello durante o voo. Todo isto apréndese máis por instinto que por regras”.

Os comentarios están pechados.