OS FELOS EN 1995

OS FELOS EN 1995

Traballo da nosa autoría sobre os Felos de Maceda. Xornal La Región, 26/II/1995. Arquivo do autor.

Logo do pioneiro traballo sobre os Felos publicado por Federico Cocho (Voz, 8/II/1989) e do seu volume “O Carnaval en Galicia” (Xerais, 1990), suxeríronnos, dende o departamento de Cultura do Concello de Maceda, se podiamos mergullarnos no universo Felo fornecendo aquelas aportacións. Froito daquela aproximación elaboramos unha achega que inicialmente ía saír en formato libro. Sintetizámola pra que fose imprentada en dúas páxinas no xornal La Región (pp. 14-15, “Especial Carnavais en Ourense”), o Domingo de Entroido, 26 de febreiro de 1995. Até aquel intre os Felos apenas tiñan cancha na prensa escrita. Paralelamente o Concello de Maceda editara un díptico resumido do noso traballo que distribuíra pola contorna.

Dúas páxinas -das catro- do díptico arredor do Entroido con textos nosos, editado polo Concello de Maceda en 1995. Arquivo do autor.

Denantes enviaramos o traballo -compendiado- a varios medios. Logramos que aos Felos lle fixesen oco, pois até aquel intre só reflectían o mal chamado “Triángulo Máxico do Entroido Ourensán” (Laza, Xinzo e Verín) e pouco máis. Ese mesmo domingo, 26 de febreiro de 1995, Radio Nacional de España en Galicia emitira unha entrevista de media hora ao mediodía pra falar monograficamente dos Felos de Maceda. A entrevista fixéranola o xornalista Pedro Díaz Nocedo, que logo viñera dende A Coruña até a nosa vila pra ollar “in situ” o noso Entroido. Outrosí o día anterior, no programa “O Semanal” da TVG, en horario de máxima audiencia (ás 10 da noite), tiveran a ben inserir unha reportaxe de 11 minutos sobre os Felos de Maceda da que xa falamos nunha achega anterior [pinchar eiquí]. O Concello levara o día grande dos Felos ao domingo, cun desfile vilego que non acababa de encaixar co espírito anárquico e ceibe da nosa máscara.  

Unidade didáctica, debuxos e fotos coa indumentaria canónica, poema dedicado de James Sacré... Arquivo do autor

Pra convocatorias posteriores, dende o departamento de Cultura, artellaron unha interesante unidade didáctica, impartiron charlas pedagóxicas nos centros de Ensino pra unificar criterios sobre o canónico, as particularidades iconográficas, costumes e demais. Outrosí exposicións fotográficas acompañadas de poemas arredor da nosa máscara, mesmo con obradoiros sobre as carautas… Até se barallara a posibilidade dun museo etnográfico onde o Felo sería unha figura central…

Caricatura dun Felo baixo a ollada de Elena Ferro, 1995. Arquivo do autor.

Dende aquela os Felos foron a máis no plano mediático. Involucrouse xente salientábel na confección dos traxes e das carautas en clave nosa. O crecemento foi exponencial nas persoas que se vestían de Felos con traxes mellor elaborados e carautas e mitras pintadas con máis esmero. Logrouse unha implicación abondo substantiva en posteriores convocatorias sen discriminación de xénero nin condición. Pasouse o día grande ao Sábado do Entroido cos percorridos polas aldeas. Así copáronse portadas dos xornais o Domingo do Entroido. Outrosí “cancha” nos telexornais e, posteriormente, con directos en programas de radio e televisión. Homes, mulleres e nenos dos lugares, aldeas e tamén moita xente vilega enfeláronse de vez. Houbo “efecto chamada” e antropólogos, etnógrafos, xornalistas, escritores, reporteiros gráficos, directores de curtas, poetas e tamén xente do común, víronse seducidos por este singular Entroido que sempre se afastou do convencional.

Unha reflexión final: Non debemos optar por máis e si procurar centrarnos no mellor. ¡Beizón!.

Parella de Felos de Castro de Escuadro (finais dos anos 80). Arquivo: Santiago Prol
Os comentarios están pechados.