OS FELOS DE MACEDA EN “PRIME TIME” DA TVG
Nos anos 90 do século pasado comezamos un delongado traballo de campo pra mergullarnos no universo dos Felos de Maceda. En 1995 imprentamos dúas páxinas completas no xornal La Región [domingo de Entroido, 26 de febreiro], baseado no díptico que tivera a ben publicarnos naquela altura o Concello de Maceda. Até daquela os Felos non existían a nivel mediático. Outrosí conseguimos un programa monográfico [media hora de entrevista] en Radio Nacional de España en Galicia [ao mediodía daquel domingo, 26 de febreiro]. Tamén un tempo salientábel do programa “O Semanal” da Televisión de Galicia [arredor de once minutos] que se emitiu o sábado do Entroido, o 25 de febreiro ás dez da noite, en horario de máxima audiencia co título “De Maceda ao Entroido”.
Dúas décadas despois, o insansábel activista cultural de Maceda, José Juan Pérez Ramos, co gallo da feliz idea dunha bitácora dedicada monograficamente á máscara tradicional do Noso Entroido [felosdemaceda.com], pediunos se lle deixabamos a gravación daquel programa que nós tiñamos en VHS. Pasouna a formato dixital e pendurouna na arañeira. É certo o que di na entradiña, pois era a primeira vez que os Felos tiñan “cancha” naquel medio. O guión da reportaxe estaba baseado no traballo que lle remesaramos nós e que en parte coincidía co publicado en La Región [matizar que a nosa xente vístese de Felo, non se disfraza]. Paga a pena visualizar esta pioneira reportaxe pra mergullarnos de vez [e por vez primeira na televisión] no universo Felo, ao que lle iremos metendo o dente con outras fasquías en chegando. Beizón!