GARCÍA MOSQUERA EN VERSOS DE LAMAS CARVAJAL

GARCÍA MOSQUERA EN VERSOS DE LAMAS CARVAJAL

Un dos primeiros recoñecementos, logo da morte de García Mosquera [19/XI/1868], foi o do seu alumno avantaxado don Valentín Lamas Carvajal, que tivo a ben publicar en El Heraldo Gallego [3/IX/1874] o poema “NO CIMETERIO DE OURENSE. Un recordo ó inxenioso e inspirado poeta galego don Xosé García Mosquera”. A composición levaba data de agosto dese 1874. Aparecería ao ano seguinte no poemario Espiñas, follas e froles. No prólogo dese volume, feito polo propio autor, podemos ler: “Dous galegos que dormen na cova do sono da morte, tamén enriqueceron a nosa lingua con inspiradas cantigas; falo de D. Alberte Camino e de D. Xosé García Mosquera, que inda os chora, e chora, e chorará sempre toda Galicia”.

Inserimos [en imaxes] o extenso poema [un sexteto paralelo conformado por 10 estrofas de 6 versos de 10 sílabas: AABCCB]. Logo do título do poema [“NO CEMITERIO DE OURENSE”], engade Lamas Carvajal: “Un recordo ó inxenioso e inspirado poeta galego don Xosé Gacía Mosquera”. Aínda que temos a versión orixinal de 1874, manexamos desta volta a que imprentaron Pilar García Negro, Mercedes Queixas e Anxo Gómez [AS-PG / ANT, 1996], cos criterios lingüísticos que modernizan ortograficamente esta composición. A última estrofa deste sexteto paralelo remata cun eloxio aceso ao poeta de Castro de Escuadro [Maceda]:

 “Mañá de fixo, cando a xusticia / seu trono asente nesta Galicia / que agora viste mouro saial, / teredes cinsas, mellor memoria… / GARCÍA MOSQUERA foi unha groria, / i o seu recordo será inmortal”.

Os comentarios están pechados.