GARCÍA MOSQUERA E O PIONEIRO DA FOTOGRAFÍA EN AURIA

GARCÍA MOSQUERA E O PIONEIRO DA FOTOGRAFÍA EN AURIA

Fragmento do retrato de don Xosé García Mosquera, autoría de Constancio López Corona (ca. 1860). Foto: Santiago Prol

Aporta Rafael Salgado, no traballo “Comezos da fotografía en Auria”, inserido na revista Raigame [núm. 42, decembro de 2018], unha concomitancia abondo interesante vencellada co poeta oficial da cidade a mediados do século XIX [léase don Xosé García Mosquera]. No ano 1856 chega a Ourense, para cubrir a cátedra de Debuxo Lineal e Pintura, o catalán Constancio López Corona [orixinario de Girona]. Naquela altura xa estaba exercendo, con destino definitivo, don Xosé García Mosquera como catedrático de Latín e Humanidades na cidade [11/XI/1855].

Seguimos a Rafael Salgado: “En Ourense, o primeiro dato contrastado continúa sendo a presenza de varias fotografías que se supón obtivo o profesor Constancio López Corona, que enviou a concurso na Exposición Rexional de Santiago de Compostela en 1858 (lonxe daquel 1826 no que se data a primeira placa fotográfica)… Con toda probabilidade, as fotografías que se lle atribúen era unha forma orixinal de tomar bocetos de futuros traballos pictóricos. Da súa autoría son varios dos retratos dos profesores que conserva o IES Otero Pedrayo”.

Entre eses retratos está o do poeta de Castro de Escuadro. A imaxe iconográfica que coñecemos de don Xosé García Mosquera pasou á posterioridade grazas a Constancio López Corona. Nós tivemos a fortuna de tirarlle varias fotos a ese retrato enmarcado [pendurado nunha das paredes do Instituto], que está vencellado co pioneiro da fotografía en Ourense a mediados do século XIX. ¡Graciñas mil!   

Os comentarios están pechados.