FERRÍN E VILANOVA DOS INFANTES

FERRÍN E VILANOVA DOS INFANTES

Ferrín cos seus pais (e outros nenos) ao pé da torre medieval de Vilanova dos Infantes en 1944. Fonte: Salgado / Casado (1989).

Nunha recente viaxe a Celanova e a Vilanova dos Infantes, atopamos abondosas pisadas abeiradas ao noso candidato ao Nobel de Literatura. Mesmo comprobamos o afecto e admiración que lle amosa a xente coa que contactamos alí. Tiramos do libro X. L. Méndez Ferrín de Xosé M. Salgado e Xoán M. Casado (Ed. Sotelo Blanco, 1989). Pregúntanlle os autores que significado tiña Vilanova dos Infantes [ou das Infantas] na súa infancia. Ferrín respondeu:

Rúa e casa familiar de Ferrín en Vilanova dos Infantes, ao pé da torre medieval. Foto: Santiago Prol

“Ir a Vilanova era cambiar de mundo [el nacera o 7 de agosto de 1938 en Ourense capital, na rúa Reza, nº 3]. Podías saír á rúa porque non pasaban coches. Era o enfrontamento co mundo medieval. En Vilanova liguei coa miña xeración dos nenos dos zapateiros de alí; amizades que seguen, que non se borran nunca na vida. ¡Foron os días máis felices da miña vida! (…) Vilanova era un sitio esfarelado, escanastrado, unha especie de sombra do pasado. A miña casa está a carón das murallas do castelo, debaixo da torre da homenaxe (…). A nosa casa familiar en Vilanova era a do meu avó, o pai do meu pai. Alí pasei tempadas do verán. Supuxo unha vivencia histórica e mítica. A carón de Vilanova está Castromao, os arcos de ferradura, as formacións da trabe de ouro e de alcatrán, a memoria viva de Curros Enríquez, o mundo do máis alá, da procesión das ánimas… unha experiencia que recibín de neno e que me deixou marcado.

Monumento dedicado a Luís Soto en Vilanova dos Infantes. Foto: Santiago Prol

Unha educación nun mundo distinto, unha dimensión diferente. Nela tiña un lugar destacado o grande ausente do que sempre se falaba, constantemente e en voz baixa: Luís Soto, que andando o tempo sería un camarada e un mestre inesquecíbel. En Vilanova había memoria comunista. Foime transmitida en cen relatos. As persoas centrais sempre eran Luís Soto e Benigno Álvarez.  Pola contra Ourense tiña a cor azul das camisas falanxistas e a negra das sotanas omnipresentes”.     

Os comentarios están pechados.