FELO GRANDE & FELO AUTÓCTONO

FELO GRANDE & FELO AUTÓCTONO

Carantoña de barro deseñada polo singular alfareiro Benito Gándara de Maceda (2000). Foto: Santiago Prol

Cóntanos o egrexio etnógrafo e lingüista Elixio Rivas Quintas [“A Limia”: 1985] que a carantoña era peza característica da alfarería de Tioira: “Eran carantoñas arrepiantes de demos, touros e outros animais, levadas polos felos. A de boi tamén se vía antes feita de madeira. Cada lugar armaba o seu entroido, gobernado por un felo. Na cara unha carantoña e na cabeza unha mitra talmente coma se dun bispo de tratase”.

Carauta moi vedraña dun felo de Maceda. Fonte: Emilio Araúxo (2002)

Aconséllanos en misiva privada [26/V/2012] o sobranceiro escritor e lingüista Xoán Babarro, orixinario de Calvelo de Maceda, que deberiamos abordar un mapa do Entroido no concello, “antes de que desaparezan os recordos dos máis vellos. A espectacularidade do felo “rico” (enténdase ben vestido), oculta moitos outros elementos que existían no pasado”.

Carauta e mitra feita polo patriarca Manuel Garrido Silva de Vilardecás (1999). Foto: Santiago Prol

Engade o distinguido etnógrafo e escritor Emilio Araúxo [“Libremente (felos sempre serra): 2015] a hipótese dun “felo autóctono”, anterior aos “felos grandes”. En verbas do entrevistado Xosé Ramón Estévez Gómez, avanza: “Había un felo, que aínda está sen estudar, e quizais xa sexa un pouco tarde, porque xa foi desaparecendo a xente maior. Dáme a sensación de que había un felo autóctono, humilde, moi sinxelo, a base duns adorniños, unha carantoña moi rudimentaria, feita por eles, uns chocalliños pequeniños, uns felos moi caseños. Quizais polos anos vinte, a trinta [do século XX], chegaron eiquí os felos grandes, os de Laza, que causaron sensación”.  

Parella de felos “ricos” (ben vestidos) de hogano en Castro de Escuadro. Entroido 2015. Arquivo: Bieito Seara
Parella de felos lendarios de antano en Castro de Escuadro (hai case medio século). Arquivo: Santiago Prol
Os comentarios están pechados.