EVOCACIÓN DO SOCIÓLOGO MONCHO RAMOS

EVOCACIÓN DO SOCIÓLOGO MONCHO RAMOS

Colexio [ikastetxea] San Vicente de Paúl de Barakaldo. Fonte: kristaueskola.eus

O 16 de decembro de 2014, o sociólogo macedán Moncho Ramos Requejo imprentaba no xornal La Región unha sentida evocación sobre Francisco Carballo. Os dous compartiran experiencia docente no Colexio dos PP. Paúis en Barakaldo [a comezos dos anos 60], cando o presbítero ilustrado de Maceda estaba á fronte do novo centro [radicado no barrio de Beurko], e que el sempre considerou como o seu mellor feito histórico [Prol / Carballa, 2002]. Eis algúns parágrafos daquela misiva, que mesmo aporta un enfoque singular:

“Moito do que se ten escrito sobre Francisco Carballo non aporta explicación suficiente dun aspecto arredor do cal orientou toda a súa actividade: a súa pertenza á Congregación de San Vicente de Paúl (…). O punto de ruptura coa “tradición” comezou coa dirección do colexio de bacharelato de Barakaldo. Alí enfrontouse  cunha nova realidade, que lle esixía tamén novas respostas. Unha sociedade orixinaria en gran parte da emigración e, nomeadamente, da emigración galega; un sector do clero vasco nacionalista con especial proxección no mundo obreiro. Francisco Carballo desenvolveu no noso tempo a filosofía de Vicente de Paúl: ao servizo dos pobres. Iso requiría  non só medidas paliativas, senón cambios estruturais; demandábase un novo modelo de acción para unha nova sociedade, na que a pobreza se manifesta ademais doutro xeito (…). Francisco Carballo foi un buscador, até o último intre, de novos xeitos de proximidade aos problemas das persoas. Custoulle pagar un forte tributo de incomprensión, mesmo daqueles que deberían estar máis próximos ás súas inquedanzas”.

Os comentarios están pechados.