DONO ITAQUE VOBIS VILLA ILLAN QUI DICITUR MAÇANEDA, QUI EST IN TERRA DE LIMIA
Eis a cerna [co titular desta achega] no vencello de Afonso X con Maceda. Tiramos outra volta do noso volume [Prol: 2009]. O padre bieito Luciano Serrano en “El ayo de Alfonso en Sabio” [BRAH, 1920], realizou un rastrexo a fondo do arquivo monacal de Villamayor de los Montes [Burgos], propiedade da familia de Garci Fernández [o preceptor de Afonso X]. Alí achou e logo exhumou un documento capital nesta pescuda, fechado en Valladolid o 18 de agosto de 1232, cuxo orixinal se conserva no arquivo de Villamayor e que avanzamos libremente do latín: “Don Fernando [III o Santo] fai doazón a don Garci Fernández e á súa muller dona Mayor Arias, da vila de Maçaneda, en territorio da Limia, con todos os seus termos e pertenzas, e co goce de todos os dereitos que sobre a mesma competan ao fisco real” […].
Aclara Marcelo Macías en “Onde pasou a súa infancia Afonso X o Sabio” [BCPMHAO, 1920], que “Maçaneda non é Manzaneda, único pobo dese nome na provincia de Ourense, cabeza de concello no partido xudicial de Trives, a onde non se estendeu o territorio límico, senón Maceda, vila distante tres leguas de Ourense, chamada antigamente Manzaneda de Limia, como consta en numerosos documentos. O conde de Maceda ostenta na vila unha casa fortaleza”.
Serrano [1920], coa copia literal do documento en latín, conclúe que a conexión de Afonso X con Maceda é manifesta: “Este privilexio e a circunstancia de non atoparse memoria de Garci Fernández no arquivo de Villamayor durante máis dun ano, a contar dende esa doazón, fainos pensar que iso resposta ao desexo de San Fernando de dar a posibilidade de coñecer o Reino de Galiza ao primoxénito [Afonso X] e que residise con Garci Fernández en Maceda durante esa tempada. Mesmo que, con tal motivo, se perfeccionase na lingua galega, que tan ben manexou despois nas “Cantigas de Santa María”, e que non lle debía ser descoñecida, sendo ela tamén bastante familiar a San Fernando. Abonan esta hipótese a tradición en terras de Ourense, que coida que Afonso X viviu alí [en Maceda], e unha das poesías dese monarca, que parece dicilo con bastante claridade”.
Fonte: “Nobres vencellados ao Castelo de Maceda”. “Afonso X e a súa conexión con Maceda”. Santiago Prol, 2009. Ed. Difusora, Ourense. O traballo completo sobre este vencello atópase en aberto en google books, pp. 49-74.