BENIGNO ÁLVAREZ & DARÍO XOHÁN CABANA

BENIGNO ÁLVAREZ & DARÍO XOHÁN CABANA

No centro deste documento gráfico aparece o doutor Celso Sánchez recitando a Darío Xohán Cabana. Logo, de esquerda a dereita, Marcos Valcárcel, [o Fraín e o Goyo], Bieito Seara, Millán Picouto, Xosé Lois Rúa, Ramón Caride e Santiago Prol. 13 de marzo de 1997. Praza de Benigno Álvarez. Arquivo do autor.

O 13 de marzo de 1997 fixémoslle en Maceda unha homenaxe a Benigno Álvarez e, por extensión, a todos os caídos e represaliados da nosa contorna. Na comisión estaba, ademais de Bieito Seara, Celso Sánchez e nós mesmos, o malogrado escritor Marcos Valcárcel, que se encargara de invitar á xente que logo participaría no recital poético, na mesma Praza de Benigno Álvarez. Despois da arenga cívica de Bieito Seara, interviñera o doutor Celso Sánchez, lendo o manifesto poético que Marcos lle suxerira ao poeta Darío Xohán Cabana, sobre o posicionamento do veterinario comunista de Maceda no Congreso do PCE en Sevilla en 1932 e que fora integramente en galego. Levaba un título enorme, pero moi clarificador. Andando o tempo aparecería no libro “Volverlles a palabra. Homenaxe aos represaliados do franquismo” [Ed. Difusora, 2006, pp. 31-32]. Que lle sexa leve a terra ao escritor de Cospeito. Beizón!

Eis o título e o manifesto poético na súa integridade:

O CAMARADA BENIGNO ÁLVAREZ INTERVÉN EN IDIOMA GALEGO PERANTE OS DELEGADOS Ó IV CONGRESO DO PARTIDO COMUNISTA CELEBRADO EN SEVILLA EN MARZO DE MIL NOVECENTOS TRINTA E DOUS

“Eu veño do país de Roi Xordo rebelde / que leveda e renace en cada nova xerazón / dos homes e as mulleres de Galiza inmensamente derrotados, / pero xamais vencidos. / Por iso quero que me oiades na lingua dos derrotados / que xordamente espreitan a vitoria na batalla final. / Comunistas de España, de Cataluña e de Vasconia, / camaradas de todo o mundo, e muito especialmente vós, irmaos de Portugal, / oíde estas palabras no idioma da nación galega / eiquí nesta cidade que xa sentiu hai séculos os pasos do noso rei máis derrotado, / aquel que disque oía aos servos e desoía os ricos homes / contrariando os costumes que seguen xeralmente os reis. / Oídeme, andaluces, / nesta belísima Sevilla que os mariñeiros de Galiza –non volo quero esconder- / gañaron outrora prós antergos dos señores de agora que asoballan o pobo xornaleiro. / Eu quérovos falar a todos de comunismo e de liberación / e de fraternidade / na lingua dos obreiros e os labregos e os mariñeiros de Galiza / -Guadalquivir eterno, ou Miño. /

(Aqueles camaradas que ornean acolá, vaian pechando a boca. / Cando vos toque a vez diredes o que vos pareza, / e poderédelo dicir, se queredes mellor, en esperanto, / ou nese idioma universal dos cans que parecedes emular agora. / Calade, digo, imbéciles e escuros! / Fálovos en galego desde a sacra tribuna do Partido / porque me sae daquelo que teño de varón / e de marxista-leninista!)

Fálovos en galego porque somos así. / Porque o meu pobo ansia pan e xustiza e liberdade, / liberdade e beleza, / beleza das palabras nosas que nos son necesarias pra ser libres, / que nos son necesarias pra que a xustiza seña xusta, / e tamén pra que o pan nos faga ben no estómago. / Porque se así non vos falase co fin de facervos sabedores / do que talvez vos ocultaron e non debedes ignorar máis tempo, / na miña boca o pan vólvese amargo. / A dignidade é o compango máis necesario pró pan. / O pan sen dignidade é certo que alimenta, / pero é malo de invar, atráncase na gorxa, / suscita negra bile e pon unha molestia insoportábel / nos ris dos homes e mulleres. / Por iso, camaradas, / non vos debo falar doutra maneira.

Agora xa non quedan reis nin señores que falen / nesta lingua que eu falo. / Agora os señores de Galiza / falan na lingua deses que protestaron contra a miña lingua. / Non é por mal que volo digo, mais así son as cousas. / A lingua en que vos falo é cousa toda nosa, / cousa xa só das xentes do traballo, / tan íntima e sensíbel como as partes máis íntimas de varón ou muller. / Somos unha nación / de xentes orgullosas –ou queremos aprender a selo. / Polo menos nosoutros, comunistas galegos que espertamos do sono / e soñamos un mundo de igualdade prós homes e as nacións.

Por iso, camaradas, / non vos podo falar doutra maneira.  

Os comentarios están pechados.