DON PACO DEL RIEGO & XOSÉ LOIS PARENTE

DON PACO DEL RIEGO & XOSÉ LOIS PARENTE

Cartaz de lembranza a don Paco del Riego en Lourenzá, a súa vila natal, 2023. Foto: Santiago Prol

No volume “Xosé Lois Parente, poeta e galeguista na II República” [Prol: 2006] puxemos o foco no vencello entre o proteico poeta macedán e o heterodoxo intelectual galeguista de Lourenzá, ao que -este ano- lle dedican o Día das Letras Galegas que el mesmo promoveu. Estamos a falar de don Francisco Fernández del Riego. Recuperamos das páxinas 79-82:

No núm. 159 de Heraldo de Galicia [27 de novembro de 1933], aparecía -na primeira páxina- unha crítica moi favorábel de don Paco del Riego [que só tiña 20 anos de idade]. Xa dende moi novo amosouse como salientábel colaborador en xornais e como activista a prol da causa de Galiza e do idioma galego en todas as frontes. Naquela altura publicaba con asiduidade en El Pueblo Gallego, A Nosa Terra e en Heraldo de Galicia. Tamén nas revistas Nós e Alento. Don Paco estaba considerado por Otero Pedrayo como un “delfín” do proxecto galeguista do que fora militante fundacional.

Sinatura e caricatura de X. L. Parente. Arquivo do autor

Don Paco leva o mesmo segundo apelido que Parente [del Riego]. Cando preparamos as colaboracións que, co gallo do centenario do seu nacemento [17 de febreiro de 2003], enxertamos no semanario ANT [núm. 1064] e na revista mensual Auria de Caixanova [núm. 70], contactamos, coa axuda dun amigo común [o xornalista Xan Carballa], co nonaxenario intelectual galeguista. Don Paco lembrábase perfectamente de Xosé Lois Parente, do poemario “Con Prisma Azul” [1933] e da súa traxectoria política na xeira republicana [os dous militaran nas Mocidades Galeguistas], da súa reclusión en Maceda dende 1934 e da posterior desconexión por mor da sublevación militar. No exemplar de “Con Prisma Azul” que atopamos na Fundación Penzol, pertencente á biblioteca persoal que Del Riego doou ao pobo de Vigo representado polo seu Concello [uns 30.000 exemplares, ademais da súa colección de cadros dos mellores pintores galegos da súa época], podemos ler unha dedicatoria con notoria carga de fondo: “Pra D. Francisco F. del Riego, que ensoña coma min unha Galiza soberana”. Con ese aséptico título debruzouse don Paco del Riego no poemario de X. L. Parente cun nivel admirábel:

Dedicatorias e portada de “Con Prisma Azul”. Na segunda podemos ler: “Pra D. Francisco F. del Riego, que ensoña coma min unha Galiza soberana”. Arquivo do autor.

“Sensibilidade e sentimento son características esenciais do poeta. Sen elas non hai poesía que sirva. Vén isto a conto dun libro de versos que saíu á rúa nun intre no que as inquedanzas políticas non daban sosego ao espírito pra se recrear na ensoñadora paisaxe do intelecto sensíbel e da emoción anímica. Titúlase “Con Prisma Azul” e o seu autor é Xosé Lois Parente. Por todas as súas follas hai un recendo de poesía que sucede, brota en fonte de emotividade, en xénese de sensacións. A arte necesita calor e vida, pero ten que ser ergueita e serea. Hai poetas que intoxican o seu tempo, xeralmente con violencia dos seus asaltos, pero a violencia non é poesía. A poesía é a que se concentra en si mesma, ergue o azo do autor sobor das rexións cotiáns e que lle fai verquer o seu corazón en profusas notas de arte como a celeste laverca de Percy Bysshe Shelley.

No libro de Xosé Lois Parente decorre o movemento, flúe a linfa anímica e vibra o espírito nas máxicas canles da variedade emocional. Xa di Otero Pedrayo, dun xeito escintilante, no magnífico prólogo co que abre as páxinas en xogo de dourados amenceres: “Coido ver dous xéneros do imperativo poético, os que conflúen no libro. Poemas casteláns e poemas galegos. Uns inspirados polo momento superficial, outros, os galegos, polo momento que aniña senlleiro no tempo interior do artista”. Xenericamente non cabía en menos verbas unha definición tan clara de dous instantes perfectamente diferenciados no colorido poético de “Con Prisma Azul”. Reflíctese trocando o espírito do tempo cando olla prá paisaxe (…).

Portada de “Xosé Lois Parente, poeta e galeguista na II República” (Prol: 2006)

En “Romance da entraña da campía” busca a linguaxe da realidade e busca pra el un acento axeitado cunha nota íntima. Nesta, atopa a fixeza emotiva e sentimental coa que ecoa vibrante noutros poemas do libro, pero que eiquí sintetiza en precisión de métrica e de concepto: “Vai a entraña da campía / fóra do carón da terra, / esmagoada de cárrega, / de tombo en tombo nas pedras. / Muxen os bois coma un eco / do berro da prisioneira, / e o ouro vello da tarde / colle un pano de tristeza…” Rematándoo cun clamor resultante no irse medrando do romance nun ton rexo de chamada: “¡Cada labrego un soldado! / ¡Cada guerreiro un poeta!”

Pra ti Xosé Lois Parente, que neste amencer da nova Galiza conquires facer cantigas de alento e de espírito arredor do ideal, vaian dende eiquí, a xeito de felicitación, como sinais soerguedoras dunha luzada triunfal, dúas frases que William Hazlitt gravurou nas súas disertacións encol dos poetas ingleses: “Quen despreza a poesía, non pode ter moito respecto a el mesmo”. “Todo o que na vida é digno de lembranza, é a súa poesía”.

Mitin galeguista en Maceda con Otero Pedrayo. Fonte: “Heraldo de Galicia”, 30/X/1933. Arquivo do autor

Os comentarios están pechados.