CARBALLO E PERIKO SOLABARRÍA EN BARAKALDO

Francisco Carballo estivera no País Vasco (Bilbao) en 1953, nunhas xornadas de misión relixiosa. Denantes, no curso académico 1940-41, estivera estudando en Murguía (Araba):
“Foron oito meses moi duros polo trato dos directores, polo frío, a mala alimentación, as enfermidades, a carencia de hixiene no edificio. Naquela altura eu xogaba ao xadrez con éxito. En Murguía estiven 8 meses. Déronnos vacacións porque non tiñan alimentos. Regresei a Celeirón. Foi un remanso de paz. Na casa recuperei forza física. Foron tres meses encantadores”.
Regresaría a Euskadi máis veces, pois na xeira seminarística en Madrid (1941-45), pasaba un mes no verán de vacacións en Murguía. Logo, xa como presbítero dedicado á docencia, en 1958 asentaríase en Barakaldo. Alí permaneceu até 1965.
Por certo, o poeta Ramón Cabanillas estivera en Barakaldo dende 1955 até finais de 1957. Denantes, o escultor Francisco Asorey exercera en Barakaldo como profesor de debuxo entre 1906 e 1909. En Barakaldo establecéronse migrantes da contorna de Maceda nos anos 40, 50 e 60 do século pasado. Hogano non é infrecuente escoitar xente falando en galego e sobre Maceda nas rúas, cafés e prazas desta cidade vasca… O Centro Galego de Bizkaia fundouse en 1901 en Barakaldo, un dos máis antigos da colectividade galega na diáspora.
No libro das Conversas (Prol / Carballa, 2002) comentábanos Francisco Carballo:
“Detectábanse xa reivindicacións nacionalistas, a ETA de Txillardegi de 1959 tiña moitos letreiros por alí, pero non había ningún aspecto violento. Iso foi de 1965 en adiante. Tiña tintes culturais e xa chegaban mensaxes. A min fóronme ver algúns dicindo: vostedes, galegos, non son maketos, son celtas. Maketos chamábanlle alí aos que non eran vascos. Empezaban a traballar pola recuperación do euskera.
Naqueles tempos puxémonos en contacto coa parroquia que estaba ao lado (Santa Teresa). No Barakaldo vello había un clero moi obreirista e nunha parroquia nova que fixeran pegada ao noso colexio, a onde iamos á misa, estaba Periko Solabarría (1930-2015). Era un vicario parroquial radical, obreirista e nacionalista. Levaba unha vida durísima: vivía nun soto, malcomía, traballaba de albanel e tiña consolo na miña casa. Viña onda nós, bañábase, comía, xogaba ao fútbol e tiña unha confianza connosco absoluta. Falaba euskera e daba clases dese idioma a pequenos grupos. Xa estaban montando os alicerces das ikastolas. Ía todo moi remansado e moi en plan cultural. Naquela altura non había nin remota referencia a ningún tipo de violencia”.

No capítulo dedicado á conciencia de País, introducimos que o BNG se definiu, nos seus principios fundacionais de 1982, como pacifista, antimilitarista e antiimperialista. Tamén lle comentabamos a Carballo que o antiterrorismo estaba a causar estragos nas liberdades de pensamento e expresión, mesmo demonizando aos nacionalismos periféricos. Logo preguntámoslle: ¿Fíxolle ETA dano ao nacionalismo galego?:
“ETA naceu no 1959 como un fenómeno de reivindicación cultural, como outros colectivos en Europa e na península. Pero o uso da violencia é negativo para todos os nacionalismos. Hai que distinguir moito o que é a loita activa non violenta (Gandhi), ou as loitas activas de rebelión como a Intifada palestina e a violencia asasina, que é danosa e ilexítima. Os atentados de morte son terrorismo; nunca é lícito dar morte. A pena de morte é inmoral sempre” (Conversas, 2002).

N.B.- Foto da homenaxe póstuma a Periko Solabarría na Praza do Concello en Barakaldo en 2015. Na outra imaxe podemos ollar a igrexa da parroquia de Santa Teresa en Barakaldo, na que exerceu o seu maxisterio pastoral Solabarría, cura obreiro, logo líder abertzale, deputado de Herri Batasuna nas Cortes do Estado, outrosí deputado no Parlamento Vasco, concelleiro en Barakaldo e xunteiro das Xuntas Xerais de Bizkaia. (Fonte: www.nodo50.org).