A NAVALLA DO MANUEL

A NAVALLA DO MANUEL

Cartaz, discurso de Rubén Aramburu e Navalla do Manuel, enmarcados e depositados na Biblioteca Pública Francisco Carballo de Maceda.

A Irmandade Manuel María, o 8 de setembro de 2016, entregoulle “A navalla do Manuel” no cemiterio de Outeiro de Rei, ao ex crego Antón Gómez que ía en representación da familia e dos amigos de Francisco Carballo. A loa correra a cargo do presbítero Rubén Aramburu, amigo de Carballo nas terras do Morrazo e persoa abondo comprometida en clave Nosa. O seu discurso titulouno “Paco Carballo, a Patria feita corazón”. Desta volta, ao abeiro do sétimo cabodano do seu pasamento, recuperamos aquel entrañábel texto:

“Hai un retrato de 1997 en Vigo. Manuel María en pé, co micrófono na man, agasalla a Paco Carballo verbas de irmán e loita, nunha homenaxe organizada por Promocións Culturais Galegas. Carballo co sorriso no rostro contempla ao poeta chairego. E de novo cruzan as miradas nesta carballeira sacra de Santa Isabel, onde o espírito inmorrente de Manuel María fai entrega da Navalla, no medio de rexos carballos a outro grande, rexo e galego Carballo.

Paco Carballo partiu, na derradeira viaxe, polos bosques do Rodicio, a carón da brava Serra de San Mamede, na parroquia de Asadur [Maceda], no lugar de Celeirón onde naceu en 1925. De neno contemplou aos que camiñaban a traballar na sega a Castela e nas entrañas quedoulle o pouso da miseria daqueles rostros esfameados. De neno ía coas vacas ao monte, un día saíulle un lobo e, sen medo, escorrentouno cunha vara. Dous feitos premonitorios na súa vida: a ollada misericordiosa cara os asoballados e a valentía pra afastar medos e mentiras. Recuperar a historia roubada foi a súa paixón profesional, e aplicouse no saber que ten que ser compartido, dicía. Creou escola de estudosos que rescataron a verdadeira Historia de Galiza.

A política como servizo ao pobo foi tamén o seu camiño, e comprometeuse a fondo, malia críticas, persecucións, descréditos e xulgados. Mesmo naquela lista negra do 23-F. Pronunciou o discurso do Día da Patria o 25 de Xullo do 1981, cando a policía impedía a entrada na Quintana e berrou: “¡Temos que resistir, porque o que resiste, vence!”

Impulsor, animador e colaborador de moitas iniciativas, velaí a Sociedade Cultural de Vigo, A Nosa Terra, Promocións Culturais, Encrucillada, Irimia, Foro de Curas Galegos…  Outrosí tertulias, cursiños, conferencias… Ao igual que Manuel María, percorría o Noso País e ía xenerosamente a onde o chamaban. Foi tamén misioneiro convencido na fe, no Xesús liberador encarnado no pobo e nos sinxelos. Mestre de xeracións de mozos que grazas a el espertaron a conciencia galeguista. El mesmo deixounos escrito o seu credo [“Conversas”: Prol / Carballa, ANT, 2002], que tantas veces relemos e afirmamos:

“Son galego de nación; cristián por convicción; rezo: -Xesús marana ta; vén Señor. Amo a miña Patria, Galiza. O mar salobre dos poemas de Manuel Antonio e Blanco Amor; a liberdade da Estirpe que di Méndez Ferrín; a esperanza dun pobo enaltecido por Rosalía e Castelao. Levo nos ollos a melancolía de Virxilio, de Bernanos, dos dramas procelosos de Sófocles e Shakespeare”.

A sombra deste Carballo é grande e fecunda, baixo del nacen prados que se estenden por toda a Patria e chaman por nós á resistencia en tempos, de novo contrarios á esperanza. Por toda esa vida de saber e de loita, de facer da vida pan partido e compartido, recolle esta navalla que che entrega o Manuel María, Paco Carballo!”

Os comentarios están pechados.