MOSTEIRO DE XUNQUEIRA DE ESPADANEDO

MOSTEIRO DE XUNQUEIRA DE ESPADANEDO

Fonte: La Región, 31/VII/2022
Forma parte do patrimonio histórico artístico da Ribeira Sacra ourensá. O Canón do Sil conformouse ao longo de millóns de anos, encaixado nun estreito e profundo val. Foron asentándose eremitas [dende o séc. VI] que, co paso do tempo, erixiron mosteiros: San Pedro de Rocas (Esgos), Santo Estevo de Ribas de Sil (Nogueira de Ramuín), Santa Cristina (Parada de Sil), Santa María de Montederramo e Santa María de Xunqueira de Espadanedo.
Retablo principal da igrexa de Xunqueira de Espadanedo. Foto: Santiago Prol, 12/V/2024

O Concello de Xunqueira de Espadanedo limita con Nogueira de Ramuín e Parada do Sil ao norte, Montederramo ao leste, Maceda ao sur e con Esgos ao oeste. O cenobio de Xunqueira pertenceu á orde dos beneditinos e despois aos cistercienses. Polo 1170 funcionou como filial do Mosteiro de Montederramo desvencellándose posteriormente. Singulares son os capiteis “historiados”, o altar románico de pedra e os retablos. Irá reformándose co paso dos séculos. A fachada  neoclásica da igrexa amosa tres corpos e o interior tres naves. Hai vestixios románicos, góticos, renacentistas, barrocos e neoclásicos.

Coa Desamortización de Mendizábal (1836), parte do edificio monacal trocouse en dependencias municipais. Hogano no claustro regular desenvólvense actividades culturais e de lecer, mesmo exposicións artísticas. En agosto celebran as ”Maridaxes no Solpor”, con músicas medievais, mostra e degustación de produtos da contorna. Até organizan visitas nocturnas. Compartido con Maceda, dende o Alto do Rodicio practícase o parapente [ver vídeo]. O campionato galego foi adiante eiquí algunhas tempadas [pinchar eiquí]. Un territorio que paga a pena visitar. Beizón!

Os comentarios están pechados.