XOSÉ GARCIA MOSQUERA CONSONTE CARBALLO CALERO

XOSÉ GARCIA MOSQUERA CONSONTE CARBALLO CALERO

Retratos dos Precursores. Fonte: Carballo Calero [Galaxia, 1962]. Arquivo do autor

Na pioneira Historia da Literatura Galega Contemporánea de Ricardo Carballo Calero [Galaxia, 1962], aparece o egrexio poeta trilingüe de Maceda don Xosé García Mosquera [pinchar eiquí]. No capítulo II, “O Romantismo. Precursores de Rosalía”, mesmo podemos ollar, na lámina III,  o retrato do poeta de Castro de Escuadro, xunto cos de Xoán Manuel Pintos, Marcial Valladares e Francisco Añón. Do apartado correspondente recuperamos:

“Hai habilidade formal, grande cultura humanística e nobreza de expresión, nos poemas galegos que escribiu García Mosquera. Naceu en Castro de Escuadro, axuntamento de Maceda, provincia de Ourense, o 17 de marzo de 1817. En 1822 ingresou no Seminario Conciliar de San Fernando de Ourense onde estudou Filosofía. Pasou logo a Santiago, onde obtivo o título de rexente, e logo a Salamanca, onde continuou os seus estudos. Os seus biógrafos atribúenlle un grande dominio das linguas mortas e vivas. García Mosquera abriu na cidade de Ourense un colexio de Humanidades. Profesor en Pontevedra e Cuenca, finalmente foi nomeado, en 1855, catedrático de Latín e Humanidades no instituto de Ourense e, en 1858, de Retórica e Poética (…). Morreu o 19 de novembro de 1868.

Placa da Rúa Xosé García Mosquera en Maceda. Foto: Santiago Prol

En 1851 escribiu unha poesía titulada “Recordos d´Azara”. Don Nicolás de Azara, célebre diplomático aragonés (1731-1804), deixou un notábel ronsel de admiración na poesía galega (…). A poesía de García Mosquera, posta en boca dun labrego, canta os méritos de Azara e láiase de que non exista outro pra remediar os males presentes. En 1858 a raíña Isabel II visitou Galicia en compañía do príncipe de Asturias. A composición do catedrático ourensán titúlase “A familia real en Santiago. Cantinela galega”. É o máis entoado e pulcro do que se escribiu naquela ocasión. Dezaoito estancias de correctos hendecasílabos e heptasílabos de corte clásico. Agora ben, os mellores versos de García Mosquera son os de “A vida do campo”. Versión galega da oda de Horacio Beatus ille qui procul negotiis, etc. Insírea Saco e Arce na súa Gramática. Consta de 92 versos, dos que riman asonantemente os pares, a xeito de romance; estando dividida en estancias de 4 versos, 3 hendecasílabos e 1, o segundo, heptasílabo. É peza de grande perfección prosódica, estilística e lingüística. A diferenza das composicións denantes citadas, carece de termos diminutivos, e nela o galego atinxe unha prestancia nova, ao se fundir as voces enxebres coa elocución clásica na que latexa o gusto humanístico”.

Os comentarios están pechados.