SALVADOR, O RETRATISTA DE CURUXAS [OU DE COUZADA]
Pasounos unha amiga, que ten vencellos na contorna de Ribadavia [San Paio], a foto que encabeza esta achega, incluída na colección fotográfica do Museo Etnolóxico de Ribadavia que abandeirou Xosé Carlos Sierra durante moito tempo. Acompaña ao retrato deste bautizo un breve texto: “Acerca do autor desta colección apenas podemos facer suxestións; probablemente se trata de Salvador López, natural de Curuxas, parroquia de Santa Mariña de Asadur, concello de Maceda, Ourense; que ao seu retorno de Cuba teríase dedicado á fotografía ambulante, sendo habitual a súa presenza nas feiras da comarca de Maceda entre os anos 50 e a década dos 70. Na súa obra predominan as fotografías de familia sobre outro tipo: bautizos, primeiras comuñóns, vodas, etc., chamando a atención a proporción de imaxes de mulleres con nenos destinadas a enviar a parentes emigrados; o fondo inclúe tamén algunhas imaxes do mundo do traballo”.
Outrosí, coa xenerosidade que o caracteriza, o noso amigo e veciño Dámaso Delgado, pasounos un documento gráfico capital para fornecer esta achega. Trátase deste retrato feito e retocado polo fotógrafo que revela algo moi interesante. Cóntanos que, aínda que nacera en Curuxas, casara en Couzada e que asinaba como Salvador de Couzada, como ben podemos ollar na fotografía. Salvador era o padriño da Amalia, a nai do Dámaso. No retrato que penduramos eiquí, aparecen a avoa do Dámaso, que se chamaba Corona Formoso Peleteiro, e o seu bisavó, que se chamaba Luís Formoso. O avó materno do Dámaso exercera como mestre corenta anos en Couzada. Alí nacera a súa nai Amalia, por iso o vencello co retratista, que tivera a ben exercer como o seu padriño.
Na revista Raigame [decembro de 2018] tamén engaden que Salvador López nacera en 1904 e que finara en Vigo (sen data). Sobre as fotografías deste singular retratista insiren: “Nelas a norma é a ausencia de referentes contextualizadores das cerimonias, o que leva a suxerir unha presenza do laico (non necesariamente buscado); así, no caso do bautizo sublíñase máis a entrada dun novo membro á familia que á Igrexa. Outro grupo numeroso é o formado polos retratos para carnés de identidade, pasaportes e documentos de familia numerosa; facéndose patente neste caso a optimización dos negativos, chegando a realizar ata dez imaxes no mesmo negativo. O que está a reflectir non tanto a escaseza de medios, que nesta época xa non deberían existir, senón máis ben unha notable cualificación técnica. Finalmente hai que mencionar as imaxes de arquitecturas, así como de algún interior, e as escasas fotografías de feiras, encargos de prensa ou de compañías de seguros. En conxunto, esta colección proporciónanos imaxes do entorno do autor, retratando aos seus veciños á par que nos permite seguir a irrupción da modernidade na comarca de Maceda”.
N. B.- As páxinas 19 e 20 dese número da revista Raigame, con texto e fotos, dedícanllas a Salvador López Requejo, coñecido como o retratista de Curuxas [aínda que el mesmo, insistimos, firmaba como Salvador de Couzada]. Lembramos como se puña cunha saba pendurada nunha parede [empregada como pano de fondo], co trípode -xunto cos demais trebellos- e coa súa vedraña cámara fotográfica no centro da nosa vila, naquelas feiras grandes de Maceda, os días 4 e 20 de cada mes nos anos 60 e 70 [pinchar eiquí].
No libro de “Conversas” [Prol / Carballa, ANT, 2002], o historiador Francisco Carballo [orixinario de Celeirón de Asadur, moi perto de Curuxas], falando da morte da súa irmá maior Dolores, di: “Eu cumprira sete anos e naquel intre souben o que era a tristura. Hai unhas fotografías dela morta e os meus pais arredor, feitas polo célebre Salvador de Curuxas, que son abraiantes”. Atopamos na arañeira unha bitácora abondo interesante sobre o Camiño da Forca na Carballeira do Inquisidor. De Outeiro do Cabo a Coruxas. Eis o vídeo que inseriron, que mesmo reflicte e vindica fermosos espazos naturais abeirados ao lugar matricial do retratista Salvador López Requejo. ¡Beizón!