ROTEIRO POR BARAKALDO (1)

ROTEIRO POR BARAKALDO (1)

Plano de Barakaldo. Arquivo do autor

Imos meterlle o dente aos 7 anos que Francisco Carballo pasou en Barakaldo (1958-65), mesmo seguindo as Memorias e Lembranzas que tivera a ben pasarnos a Xan Carballa e a Santiago Prol para o libro das Conversas (ANT, 2002). Facemos así un singular roteiro; desta volta virtual sobre os seus lugares.  No ano 1958 trasladárano dende Marín ao colexio San Vicente de Paúl de Barakaldo. O cambio de destino fora co pretexto de incompatibilidade co superior da comunidade ao que cesaran. Tamén primaban a estratexia de non residenciar no propio país, senón fora do ámbito familiar. F. Carballo tiña a maioría da familia en Maceda e curmáns en Pontevedra:

Palacio de Xustiza. Barakaldo

“O colexio estaba en estado ruinoso, nunha planta dun edificio municipal perto dos Altos Hornos de Biskaia. Viviamos nun piso a uns 200 metros do centro de ensino e ao pé da vía do tren de “cercanías”. Os sete anos de Barakaldo foron fondos en experiencia. Os catro primeiros durísimos. O compañeirismo bo. Non había internos nin mediopensionistas. A capela do Carme, a trescentos metros do colexio, servía para os actos relixiosos. A convivencia nun piso resultaba moi austera, pero enriquecía o trato mutuo. Eramos tres grupos. Os maiores de corenta anos, os de trinta a corenta e os máis novos recén ordenados. Estes non toleraban a intromisión do superior na súa vida e forzaron a súa destitución”.

Praza do Concello de Barakaldo. Arquivo do autor

N.B.- Neste roteiro virtual, pretendemos achegarnos ás pisadas do presbítero ilustrado de Maceda en Barakaldo, unha cidade que medrou coa industrialización (hoxe é a cuarta en poboación de todo Euskadi con máis de 100.000 habitantes). Antano mantívose coa industria siderometalúrxica -até o remate do século XX-. Hogano -moi reconvertida- vive do sector servizos (turismo, comercio e ocio). As fotos da Casa do Concello, a do plano da cidade e a do Palacio de Xustiza, xunto coas que incorporaremos nas seguintes achegas, tirámolas nós, nunha das múltiples viaxes a este “lugar” de Francisco Carballo, que históricamente se coñecía como Anteiglesia de San Vicente de Barakaldo. Beizón!

Os comentarios están pechados.