RECUPERAR UN PERSOEIRO HISTÓRICO GALEGO

RECUPERAR UN PERSOEIRO HISTÓRICO GALEGO

Foto do autor tirada por Xoán A. Soler, o prestixioso reporteiro gráfico do xornal La Voz de Galicia.

Sempre que publicamos un libro, procuramos “movelo” nos medios de comunicación. A comezos de decembro de 2002, enviámoslle o noso volume “João da Nova, un mariño galego ao servizo da Coroa de Portugal” [Prol, 2002] á xornalista Concha Pino do staff de La Voz de Galicia en Santiago. Quedamos con ela nunha céntrica cafetaría abeirada á Praza Roxa eiquí en Compostela. Tamén viñera o reporteiro gráfico Xoán A. Soler, ao que lle regalaramos outro exemplar e que nos tirara a foto que saíra publicada no xornal, xunto coa entrevista, o 23 de decembro daquel 2002. A delongada conversa quedou esquematizada no texto que exhumamos hoxe na bitácora:  

“A paixón pola investigación naceu en Santiago Prol cando foi consciente de que a súa vila natal, Maceda [Ourense], non só foi un florecente condado, senón berce de relevantes persoeiros ao longo da Historia. Un deses sobranceiros é João da Nova, un nobre que tras a revolta dos Irmandiños tomou camiño cara Portugal onde, logo de facerse un oco entre a nobreza, chegou a ser un mariño capital ao servizo da monarquía lusa, que mesmo descubriu as illas atlánticas de Ascensión e Santa Helena, hoxe inglesas, e a mítica Ceylán [Sri Lanka].

-¿É recoñecido João da Nova como merece en Portugal?

-Non. A historiografía do país veciño ninguneouno, penso que por un certo sentimento xenófobo e porque houbo interese en ocultalo, mesmo co relato de versións equívocas das súas xestas, para favorecer a Afonso de Alburquerque, un navegante ao que os cronistas da época beneficiaron até ocultar os seus excesos sanguentos.

-¿A biografía recuperará a figura deste galego universal?

-É o que pretendo, porque foi a personalidade máis relevante da Historia de Galicia do século XVI. Mesmo vindico a súa inclusión nos libros de Historia e nos textos de ensino medio. Porén, nunca existen biografías rematadas. Logo se saír do prelo da Deputación de Ourense, souben que tamén descubrira a Ilha da Trindade, fronte a costa brasileira.

-¿Por que decidiu investigar sobre el?

-Decateime de que axiña se cumprían 500 anos das súas descubertas.  Deixei nun par de carpetas o traballo que estaba a punto de rematar sobre Xosé García Mosquera, un dos precursores galegos, que tamén é orixinario de Maceda.

-¿Foi doado investigar?

-A información áchase bastante dispersa. En catro anos de pescuda [e viaxes a Coimbra e Lisboa] manexei 170 libros, un bo feixe de revistas científicas, contrastei datos de 17 webs e atopei documentos capitais no Arquivo Nacional da Torre do Tombo”.

Os comentarios están pechados.