QUIROGA PALACIOS, CARDEAL DE ACCIÓN

QUIROGA PALACIOS, CARDEAL DE ACCIÓN

O Cardeal Quiroga Palacios saudando a don Ramón Otero Pedrayo e á súa dona Fita

O 21 de xaneiro de 2000 cumpríase un século do nacemento de Fernando Euloxio Quiroga Palacios en Maceda. Aquel día, en todas as edicións do xornal La Voz de Galicia, apareceu imprentada unha columna de opinión da nosa autoría que imos recuperar: “Hoxe, hai cen anos, nacía Quiroga Palacios. Na convulsa etapa republicana esbozou a imaxe dun sacerdote reflexivo, incitado pola súa química co galeguismo cultural, atestado de católicos. Tentouno en revistas da época. En Logos escribiu os máis aqueloutrados. Apoiou, animado pola órbita de Nós e logo, pola escindida Dereita Galeguista, o plebiscito estatutario do 36. Cando a irracionalidade dexenerou en guerra, Quiroga Palacios converteuse nun decidido home de acción. Nos anos máis duros da posguerra procurou unha política de portas abertas, que multiplicaría en Compostela dende a cadeira arcebispal dende o 49. Consonte Antonio Fraguas representaba a galeguidade, o respecto ás tradicións e a esperanza de Galicia. Case ninguén se sentiu defraudado se temos en conta o difícil contexto histórico. Reforzou o seu proxecto pastoral en 1953 como cardeal. ¿Magnificouse a súa dimensión a prol da galeguidade? Publicou en galego nos anos 30. Foi o primeiro cardeal en toda a Historia que oficiou unha misa en galego. Conseguiu que a liturxia puidese empregarse en galego dende xaneiro de 1969. Consonte o historiador Francisco Carballo, dende o remate da IV sesión do Vaticano II, “converteuse nun dos cardeais máis abertos e dialogantes e tivo unha pastoral de preocupación intensa por Galicia”. ¿Foi Quiroga Palacios un factor de transformación ou reforzou o sistema ditatorial? Dentro das regras coas que se podía xogar no nacional-catolicismo moveuse, con moito tacto, mais moveuse. Entrevistouse en París con exiliados como o lendakari vasco. Conseguiu conmutación de penas e grazas a presos políticos e comúns. Nas alocucións en resposta ao xefe do Estado, os 25 de xullo que coincidían en domingo [Ano Santo], deixou caer demandas para Galicia, que mesmo se trocaron en esixencias na de 1971. Foi clave na Historia da Igrexa Galega do século XX. Dende o Concilio trocou a mentalidade aínda que o pillou maior. Foi comprensivo coas novas correntes de pensamento cristián e tamén en clave Nosa. ¿Por que bispos de orixe galega, cregos progres, excuras comprometidos, galeguistas históricos, intelectuais, políticos e historiadores de hogano, ollaron ao Cardeal Quiroga Palacios con profunda consideración e recoñecemento?”.

La Voz de Galicia. Sociedad. 21/I/2000, páx. 32
Os comentarios están pechados.