POR QUE NOS QUEDAMOS CO ZOO DE SANTILLANA
Ao longo da nosa vida visitamos moreas de parques zoolóxicos, moito máis cando iamos cos nosos fillos. Dos grandes salientaríamos o de Barcelona e, nomeadamente, o de Lisboa. Aos dous achegámonos un bo feixe de veces. Cabárceno [en Cantabria], que tamén visitamos, é outra cousa, e xa se encarga o mediático presidente Miguel Ángel Revilla de vulgarizalo. Porén, desta volta queremos poñer en valor o Zoo de Santillana del Mar [como di o tópico, non é santa, nin plana, nin ten mar]. Moitas veces fixemos “parada e fonda” en Santillana [Cantabria] dende a década dos 80. Algunhas coincidindo co regreso das viaxes por Europa en coche. Outrosí con excursións escolares, porque o Zoo de Santillana está moi ben planificado pra discentes. Pequeno, pero moi aqueloutrado. Non imos falar que leva operativo dende 1977, que se achega aos 4 millóns de visitantes, que acubilla máis de 2 mil animais, mesmo que ten un parque do Cuaternario [ao seu carón está Altamira], acuario, terrario, aviario, casiñas de primates… Salientariamos o Xardín das bolboretas e os programas de alimentación, nomeadamente das serpes con explicación didáctica. Mesmo que o seu propietario é o inquedo José Ignacio Pardo de Santayana, que tantas veces temos escoitado en Radio-5 [Todo Noticias], chupando asfalto no Citroën de turno [Dyane-6, 2CV, AX, BX, C-4 e C-5, todos vermellos agás o 2CV que era amarelo]. Por mor de razóns familiares acesas, volvemos visitar o Zoolóxico e Parque Cuaternario de Santillana del Mar, moitas veces dende o 2008. Un singular zoo que resiste malia os tempos de hogano. Atopamos en youtube un vídeo moi aquelado, mesmo con milleiros de visitas, e que penduramos eiquí intencionadamente. Ánimo, que agora pola Transcantábrica non se fai tan pesada a viaxe polo Norte… Beizón!