OS “AUGAFORTES” DE BENIGNO ÁLVAREZ

OS “AUGAFORTES” DE BENIGNO ÁLVAREZ

Portada do libro “Benigno Álvarez. Un comunista na Galiza dos anos 30”, publicado por Edicións ANT. [Prol: 2008]. Arquivo do autor

Unha fasquía abondo interesante da biografía de Benigno Álvarez é a de escritor en clave antimonárquica e a prol dunha república avanzada. No xornal La República, no que tamén colaboraban os mestres vangardistas Albino Núñez e Baltasar Vázquez [que exercían docencia en Maceda], foi onde Benigno imprentou os seus “Augafortes” dende xullo de 1930 e outras columnas en clave política. Tamén colaboraban nese xornal egrexios do nivel de Otero Pedrayo, Rafael Dieste, Álvaro das Casas, Florentino Cuevillas, Manuel Gómez del Valle, Luís Soto, Manuel Casado Nieto… No ensaio “Benigno Álvarez. Un comunista na Galiza dos anos 30” [Prol: 2008], nas páx. 11-14, escolmamos uns 30 “Augafortes”, os que consideramos máis logrados. Naquela altura Benigno estaba na órbita do Partido Republicano Radical Socialista [PRRS], exercendo como secretario político en Maceda. O seu paso ao PCE viría xa ben entrado o 1931. Imos exhumar desta volta algúns daqueles “Augafortes”:

“Todo o sangue do campo conservador non dá vida a unha idea, no entanto alimenta un millón de vermes.

Dende antes de Cristo os gobernos sucédense pra pacificar espíritos e nivelar presupostos.

A censura fai estéril o pensamento roubándolle a entraña.

Polo efecto de empregar o lapis vermello e tachar frases fortes, os censores ingresarán en partidos extremos.

De todas as ameazas de ditadura, fascismo, forzas de orde, ao que máis temo é… a unha República conservadora.

O cárcere é o descanso sombrío no camiño luminoso do rebelde.

A cadea serve pra reflexionar, illar o pensamento, fortalecer a conciencia e pra podrecerse.

Nos días de calma aparente, diríxenos un militar. Nos días de borrasca, precursora da gran treboada, os civís.

Feito con follas de pedra, gravado coa metralla e con ilustracións en vermello. Só da barricada sae o Código”.

Os comentarios están pechados.