O CHAMATIVO CRUCEIRO DE MARRUBIO
Non moi lonxe de Maceda atopamos un conxunto escultórico abondo interesante indo pola estrada do Rodicio, a que vai cara Castro Caldelas, Trives , A Rúa, O Barco… [collendo o desvío que leva a Montederramo (42°17’46.71″N 7°28’28.98″O)]. Enclavado nun desamparado cruce de camiños, podemos ollar o Calvario de Marrubio, un cruceiro protexido por un tellado que logrou conservar boa parte da policromía orixinal na madeira e na pedra do mesmo. Tiramos de http://www.guiasilbibeinavea.es/: “O cruceiro foi realizado en 1778 coa figura de Xesucristo mirando cara o oeste, baixo a atenta mirada de San Antón aos seus pés, mentres que no reverso atopamos á Virxe María. Ademais da policromía, aparece na base do varal do cruceiro a presentación de varias figuras: escaleiras, cravos y tenaces. Representa a baixada da Cruz do corpo de Cristo (…). Outrosí podemos ollar o pequeno Purgatorio de Marrubio. Dende o século XVI o catolicismo considera que existe un lugar de castigo temporal que nos impide chegar aos pecadores ao Ceo. Para purgar os pecados, puxéronse petos de ánimas para depositar esmolas. No caso do baldaquino de Marrubio faltan as figuras dos santos nas dúas hornacinas”.
Atopamos un fermoso vídeo e unha lograda galería de imaxes na páxina web do Concello de Montederramo arredor do Cruceiro de Marrubio [pinchar eiquí]. Beizón!