O PADRE SANTIAGO PROL NA LEMBRANZA

O PADRE SANTIAGO PROL NA LEMBRANZA

Roma, decembro de 1967. Arquivo: Santiago Prol

O 4 de agosto de 1968, día de feira grande en Maceda, desprazámonos até Santa Mariña de Bobadela a Pinta [Xunqueira de Ambía] pra acompañar ao noso parente, o padre Santiago Prol Díaz, na súa primeira misa na terra de orixe. Tiñamos nós naquela altura 7 anos de idade e el 27, a piques de cumprir os 28. Foramos coa nosa nai, coa tía Carmiña, con algunhas das nosas primas [da trintena que conformamos]. Todos amoreadiños nun autobús dende a nosa vila, que mesmo carrexara máis familiares polo camiño. Fora unha aventura intensa pra un neno da nosa idade, que nos quedara fixada no maxín. O noso parente estivera residindo en Maceda [na casa matricial dos Prol] nos seus anos de formación media. Andando o tempo desprazaríase a Roma pra estudar Teoloxía [dende 1964 até 1968]. Naquela altura ter un familiar sacerdote era algo salientábel, do que o entorno máis próximo se sentía orgulloso. No noso caso, ademais conformaba unha persoa entrañábel, o que por esta banda definimos como un “bo e xeneroso” dos auténticos.

Asistentes na primeira misa oficiada na súa terra de orixe. Bobadela, 4 de agosto de 1968. Arquivo: Santiago Prol

Ao padre Santiago Prol gustáballe regresar a Maceda, mesmo pra lembrar os seus anos de adolescencia e primeira mocidade. Outrosí pra visitar á numerosa familia que residía [e reside] na vila. Sempre era acollido con agarimo por todos nós. Recordábanos con tenrura e nostalxia, xa de maiores, aquela estadía na nosa vila que lle deixara profunda pegada.

Foto coa familia do padre Santiago Prol, logo da súa primeira misa na súa terra de orixe. Bobadela, 4 de agosto de 1968. Arquivo: Santiago Prol

Logo emprendeu unha aventura de por vida alén mar. Asentouse en Venezuela até o fin dos seus días. Exerceu acolá unha intensa laboura pastoral e tamén docente en Caracas [mesmo coa dirección do colexio salesiano alí]. Outrosí exerceu noutras urbes venezolanas, sempre dentro da súa comunidade relixiosa. Cada poucos anos regresaba nos veráns pra ver á familia directa [pais, irmáns, sobriños, outros parentes, paisanos e amigos] e tamén pra voltar á vila de Maceda e departir cos outros parentes radicados eiquí.

Recordatorio da primeira misa eiquí. Fonte: Moncho Blanco Prol
Recordatorio bodas de ouro. Bobadela, 4 de agosto de 2018. Fonte: Moncho Blanco Prol

Cando comezamos a publicar cousas nos papeis imprentados, el sempre nos lembraba que tiñamos o mesmo nome e o primeiro apelido. Os dous asinabamos igual. No 1999 tiramos do prelo o poemario “Alga e fungo”. Levou un exemplar todo orgulloso pra Venezuela, mesmo gastándolle unha brincadeira ao seu círculo máis abeirado alí. Dicíalles que el escribira e publicara un libro de poemas na súa Galicia de orixe… Sempre que nos recordaba aquela anéctoda, nós diciamoslle que algúns poemas daquel libriño eran de “contido erótico”, incluída a portada… Sempre nos contestaba que cada un podía interpretar iso nas claves que considerase…

Portada do poemario “Alga e fungo” [Prol: 1999]

Logo fomos pasándolle outros libros nosos. Sabemos que sempre os recibía con agarimo. Mesmo que presumía de ter un familiar homónimo que se dedicaba ao mundo da investigación. Unha das últimas veces que o vimos eiquí, foi arredor da Comida dos Prol, que organiza sempre tan eficazmente o noso parente Moncho [Blanco Prol] ao abeiro do Santuario dos Milagres [Monte Medo]. Fará uns catro anos. Alí agasallámolo co volume “Manuel Vidal, un presbítero ilustrado de Maceda” [Prol: 2017]. Sabemos que lle gorentara aquela incursión noutro relixioso de eiquí, que incorporaba unha escolma literaria en galego do biografiado. Mesmo seguía coa brincadeira de contarlles en Venezuela que el escribira ese libro… Aquel día pasounos un exemplar da revista teolóxica ITER, na que el publicaba traballos de contido relixioso.

Obituario. Fonte: Mirla Pérez. Venezuela

Enterámonos do fatal desenlace por un “guasap” que nos enviou Moncho onte, arredor do mediodía. Unha mágoa profunda e unha perda irreparábel prá familia Prol. Todos tiñamos en Maceda ao padre Santiago Prol como un relixioso que desprendía una bonhomía acesa e un compromiso polos máis necesitados fóra de toda dúbida. Na última Comida dos Prol, mesmo nos contou o seu irmán Augusto que el e o resto do seu entorno familiar máis próximo, lle propuxeran que regresase de Venezuela, pois a cousa alí non pintaba ben, mesmo pra un relixioso coma el tan comprometido coas causas xustas. Contestara que o seu “contrato” de por vida estaba alí, e que, logo de medio século naquelas terras do Caribe, non se vía noutro lugar. Nacera eiquí, na terra de Ambía, o 16 de agosto de 1940. Pasaría á outra banda do esquezo alén mar, o 20 de agosto de 2022, catro días despois de cumplir 82 anos. ¡Que lle sexa leve a terra na súa Venezuela de adopción! ¡Descanse en paz! ¡Beizón!

Obituario. Fonte: Tirso Flores. Venezuela
Os comentarios están pechados.