O LIBRO DAS “CONVERSAS” PENEIRADO NA REVISTA “YUCA” (4)
No número 37 da revista Yuca, publicado no boletín de marzo-abril de 2004, Abel Yebra engade con verbas do propio Francisco Carballo:
“Certamente, na comunidade de Paúis de Vigo, adoptamos posicións de fronteira, aínda que buscando boas relacións cos dirixentes da Congregación e da Diocese; e tivemos tensións, como tamén as tivemos co poder civil… Queriamos que a Congregación dos Paúis e o clero desen pasos cara un cristianismo moderno. Mesmo pretendemos, nalgún intre, organizarnos como colectivo independente”.
Logo engade Yebra da súa colleita: “Francisco Carballo foi un loitador por aquilo que cría xusto e necesario. Como intelectual, captaron o seu interese as matemáticas, a historia e a teoloxía. Foi profesor dende os 24 até os 65 anos [41 cursos]. Dirixiu centros de ensino, asociacións e até unha empresa editorial. Sempre ao servizo dos máis necesitados:
“Cando observo persoas que buscan acaparar bens a costa doutros, percibo a inxustiza e lamento coñecelas… Son galego de nación; cristián por convicción… Amo a miña Patria, Galiza; ao seu mar salobre dos poemas de Manuel Antonio e de Blanco Amor; á liberdade da estirpe que di Xosé Luís Méndez Ferrín; á espranza da liberdade dun pobo enaltecido por Rosalía e por Castelao. Levo nos ollos a melancolía de Virxilio, de Bernanos, dos dramas procelosos de Sófocles e Shakespeare”.
Remata Yebra a primeira parte desta segunda achega: “Na actualidade Francisco Carballo está xubilado e séntese retirado; mesmo olla rematado o seu ciclo. Acubíllase na súa cova de retiro espiritual e na súa fe cristiá: “Agardo a hora da verdade, a hora de volver”.