O LIBRO DAS “CONVERSAS” PENEIRADO NA REVISTA “YUCA” (2)
Seguimos coa primeira achega de Yuca arredor das “Conversas” [Prol / Carballa, 2002], que aparecera no número de xaneiro/febreiro de 2004. Céntrase Abel Yebra desta volta na formación do presbítero ilustrado de Maceda:
“Francisco Carballo é un gran lector, polo que, ademais da cultura humanística da carreira sacerdotal e do coñecemento das principais linguas modernas, posúe unha sólida formación nos campos teolóxicos, filosóficos, históricos e sociolóxicos. No ámbito da teoloxía é un cura postconciliar. Estuda os eséxetas bíblicos e dá o paso da escolástica tradicional aos teólogos modernos. Afonda as súas raíces teolóxicas en Rahner, Hans Küng, G. Faus, Castillo, Estrada, Torres Queiruga, etc., e nas ideas de Sobrino, de J. L. Segundo, de Leonardo Boff, da Teoloxía da Liberación”.
No campo da filosofía Francisco Carballo pensa que será posíbel crear unha alternativa seria de igualdade e de paz, baseándose nos pensamentos filosóficos de Karl Marx e dos seus continuadores: “Para min a mellor formulación de todos isto é a da Escola de Frankfurt, de Adorno, de Marcuse, como pensamento filosófico político co que debe dialogar o cristianismo. Na elaboración da miña cosmovisión, servíronme os historiadores analíticos, os pensadores referenciados da Escola de Frankfurt, máis Habermas, Freud e postfreudiáns como Erich Fromn”.
A formación histórica de Francisco Carballo non procede tanto da súa licenciatura na Complutense de Madrid, senón que a forneceu nas súas estancias en Londres, París e Roma. Na Sorbona, M. Seguin e Alain Touraine ábrenlle as portas da súa inclinación cara a socioloxía histórica.
En canto á súa formación política di: “Politicamente nacín nos anos 60, no antifranquismo, na loita contra a ditadura. Na conciencia de que o franquismo era un sistema de represión que ía contra o humanismo; contra os dereitos humanos. Entón había que buscar unha democracia, unha democracia de esquerdas, non burguesa, de tipo socialista” (…).