AO ABEIRO DA PRESENTACIÓN DAS “CONVERSAS CO BIEITO”
O 3 de agosto deste 2022, foi un día grande pra Maceda, pra Bieito e pra nós. Presentamos o relevante volume “Conversas co Bieito” [Prol: 2022. Ed. Difusora] que, como xa avanzamos noutra achega, amosa un nivelazo en todos os sentidos. Arredor dun cento de persoas cumprido tiveron a ben acompañarnos nesa xornada histórica, destacando nun lugar preferente a nai de Bieito [Milagros] e o seu núcleo familiar máis aceso. Ademais das intervencións de Alberte Pérez, Ana Garza, Anxo Quintana e o propio Bieito [tamén nós na procura de “manter os tempos” do acto], despois, xa na praciña do pozo da Torre de Maceda, fixemos unha agarimosa segunda parte da presentación, interactuando entre todos os presentes [alcaldes da contorna, políticos da bisbarra e provincia na órbita nacionalista, ex rexedores, ex altos cargos da Xunta na xeira do Bipartito, familiares de Bieito, amigos, veciños e xente do común… Coa xenerosidade que caracteriza ao Bieito, departimos arredor dun “pincheo copioso e variado”, regado con viños de marca do Noso País, mesmo con birras da cervexeira hexemónica galega. Alí asinamos -os dous- case medio cento de libros ás persoas que o demandaron. Prolongamos o singular encontro até que empardeceu de vez no Castelo de Maceda e, por ende, en todo o Val do Medo.
Ao abeiro desta formidábel presentación foron aparecendo nos medios referencias á mesma. Léase Nós Diario, La Región, La Voz de Galicia, outra vez La Región, AELG… [se pinchamos en cada unha das cabeceiras citadas, poderemos ollar as novas completas nos formatos orixinais das súas edicións dixitais]. Graciñas mil a todos os que nos acompañaron nesa xeira transcendental. Beizón, saúde e Patria. ¡Sempre!