FRANCISCO CARBALLO, 1978

FRANCISCO CARBALLO, 1978

De esquerda a dereita: Fernando Acuña, Francisco Carballo, Teruca Conde-Pumpido, Pedro Luaces e Francisco García en Vigo, 1978. Foto: XAN CARBALLA

Envíanos Xan Carballa un relevante documento gráfico que agradecemos e que imos vulgarizar na bitácora. É unha foto en Vigo, na altura de 1978, nun acto político do Bloque Nacional Popular Galego [BN-PG]. Nela atopamos ao historiador Francisco Carballo con Fernando Acuña [que andando o tempo chegaría a primeiro secretario xeral da CIG entre 1994 e 2001], Teruca Conde-Pumpido [que chegaría a maxistrada da Sala do Social do TSXG], Pedro Luaces [secretario xeral da UPG naquel intre] e Francisco García Montes [secretario xeral da ING naquela altura e logo secretario xeral da INTG]. Os sindicatos ING e CTG fusionaríanse na INTG en 1981. A INTG e a CXTG uniríanse en 1994 para constituír a CIG.

Contextualicemos arredor de Francisco Carballo ao abeiro desta foto. Regresara ao Noso País a finais de 1973. Escollera Vigo como “laboratorio” no eido docente, sindical e de inculturación relixiosa. Logo no xornalístico e no político [dende 1977]. El, que viña de exercer como reitor do Teologado dos PP. Paúis en Salamanca, mesmo con posibilidades de seguir facendo carreira eclesiástica como bispo e o que podería vir despois, renunciaría a todo aquel “ouropel”, pra traballar dende a docencia e a galeguización do cristianismo de base.

Cando chegou á cidade portuaria foi vivir a un piso de “curas obreiros”. Axiña se inseriu na Asociación Cultural [1974], no sindicalismo clandestino da UTEG [1975], na AN-PG [1975] e na AS-PG [1976]. Paralelamente exercería a docencia no Instituto Politécnico de Vigo. Nas primeiras eleccións, as de 1977, iría como candidato ao Senado pola circunscrición de Ourense na candidatura do BN-PG [agrupación de electores con cadros da UPG e da AN-PG, siglas que aínda non estaban legalizadas]. Fora fundador de Promocións Culturais Galegas, a empresa editora d’A Nosa Terra, dende 1977. Estivera en primeira liña na recuperación deste semanario nacionalista e do seu proxecto editorial, mesmo impulsando unha verdadeira escola de historiadores en clave Nosa. Como ben dicía el na homenaxe que lle fixeran en Vigo, en xuño de 1996: “Hai que ser bos profesores, pero uníndolle a acción social. O Noso País necesita ilustración, formación, maduración, confianza en si mesmo. Iso non só se fai dende a escola, senón da participación nos debates da sociedade [movementos de acción social, sindicais, políticos e xornalísticos]”. Unha inmersión global na sociedade e sempre, sempre co mesmo norte. Beizón!

Os comentarios están pechados.