ENGRACIA VIDAL & CARBALLO, “UN RADICAL EQUILIBRADO”

ENGRACIA VIDAL & CARBALLO, “UN RADICAL EQUILIBRADO”

A escritora, activista e teóloga Engracia Vidal. Fonte: farodevigo.es

Co gallo do 10º cabodano do pasamento de Francisco Carballo [finou en Salamanca o 29 de novembro de 2014], recuperamos unha aproximación entrañábel. Na bitácora www.irimegos.wordpress.com [da Asociación Irimia á que pertenceu o fillo sobranceiro de Maceda], ollamos unha singular achega de Engracia Vidal, ao abeiro da vindicación anual a prol de Alexandre Bóveda no Día da Galiza Mártir (17 de agosto) en Poio e Pontevedra.  No tradicional xantar organizado pola Fundación Alexandre Bóveda, fíxose entrega do X Premio Galiza Mártir a título póstumo a Francisco Carballo (2015) que xa inserimos na achega anterior [pinchar eiquí]. Eis o máis salientábel da intervención da historiadora, activista e teóloga -amiga persoal del-, que sempre loitou pola fe e a galeguidade dende a súa condición de muller comprometida: 

Cartaces á memoria de Francisco Carballo na Biblioteca Pública de Maceda. Foto: Santiago Prol

“Un ano máis, xuntámonos para celebrar a VIDA de Alexandre Bóveda (…). Hoxe traemos algo novo. Neste mesmo acto Pontevedra  quérelle render homenaxe tamén a Francisco Carballo. Seguramente que todos os presentes estivemos con el en Salamanca, Maceda, Vigo, Marín, Santiago, A Coruña, onde puidemos  lembrar e agradecer a súa vida, a súa fidelidade a Deus, a Galiza e a todas as mulleres e homes cos que compartiu os seus 89 anos de vida. No Deus en quen Paco e Alexandre creron, cabemos todos nós, aínda que non teñamos a fe e as obras que eles tiveron.

Campa de Asadur. Arquivo do autor.

Estou convencida da súa ledicia por se veren eiquí, xuntos, recordados por nós e celebrando moito do que ambos os dous compartiron: a súa terra ourensá, que os recibiu e os ensinou a falar; Pontevedra, a onde chegaron da man do seu traballo; a súa paixón por Galiza, na que gastaron a vida; a súa fe, que os fortaleceu até a morte, aceptando un a excesiva brevidade e a violencia, e outro, pola contra, unha longa etapa que incluíu tamén a dureza e limitación da enfermidade (…) E, aínda máis, Carballo foi estudoso de Bóveda.  Lendo os seus escritos percibimos a admiración que espertaba nel e a sintonía co seu pensamento. Bóveda nacera 22 anos antes. Pero compartiron en diferentes idades as dificultades da escaseza económica, a inestabilidade política e a persecución relixiosa. Todo acabou na inxustiza da súa morte.

Autor da viñeta: Xosé Lois, O Carrabouxo.

Co tempo, Carballo viviu a “persecución” polos dous lados. Sufriu do réxime civil e tamén do eclesiástico, porque non sempre foron comprendidas as súas opcións políticas e sociais. Pero non o derrubaron. E seguiu adiante coa súa fe comprometida na causa política en todo aquilo que a el lle parecía identificado coa causa evanxélica. Se hai que seguir a Xesús na loita pola liberación da pobreza, haberá que asumir as consecuencias… E se hai que “obedecer a Deus antes ca ós homes”, -principio evanxélico-, “os pobres” teñen que ser sempre os primeiros… tamén principio evanxélico… (…) Na vida de Carballo podemos ver a realización que moitos poetas soñaron e cantaron. Unha vida longa entregada a Deus, á xuventude, a toda persoa que se achegaba a el, ao pobo, anhelando aquilo que o puidese facer máis libre, máis galego e de máis proveito para a HUMANIDADE”.

N.B.- Neste documento audiovisual [capital na biografía de F. Carballo] artellado pola xornalista Tareixa Navaza (TVE-2,), e que xa temos lembrado noutras achegas [pinchar eiquí], aparece unha telegráfica valoración de Engracia Vidal sobre Carballo, ao que define como “un radical equilibrado” [minuto 19:30 e ss.]. Que lle sexa leve a terra aos dous! [Engracia Vidal deixounos en xaneiro deste 2024]. Beizón!

Os comentarios están pechados.