EIBAR, DENDE SEMPRE

EIBAR, DENDE SEMPRE

Praciña da Igrexa de San Andrés en Eibar. Foto: Santiago Prol [2023]

O nome de Eibar levámolo asociado dende a primeira infancia. Até alí emigraron familiares nosos que regresaban nos veráns á súa terra de orixe. Polo efecto chamada, xunto con outra xente da contorna de Maceda, establecéronse a mediados do século XX en Eibar na procura dun futuro mellor. Situada no centro do País Vasco, hogano amósase estratéxica para o Turismo Social, que organiza o Goberno do Estado. Conta cun amplo e céntrico hotel [Unzaga Plaza, R/ Ego Gain, 5] a carón da praza do concello. Dende Eibar áchanse as grandes urbes de Euskadi a menos dunha hora de viaxe. Está moi ben comunicada por estradas, autoestradas e polo Euskotren.

No programa do Circuito Cultural ao País Vasco planificouse un día completo en Vitoria-Gasteiz e outro en Bilbao e arredores. A visita a Donostia foi compartida con Zarautz, que amosa a praia máis longa de Euskadi. Outrosí Getaria, berce do piloto Elcano e do deseñador Balenciaga. Completouse a inmersión con outra xornada na mariñeira Bermeo [co cabo Machichaco moi perto] e coa visita obrigada a Guernica.

Casa do Concello de Eibar, de estilo neocásico, construída en formigón en 1904. Foto: Santiago Prol [2023]

Ao entrar en Eibar chama a atención o seu complicado asentamento na contorna do Baixo Deva. A autoestrada A-8 rodéaa polo sur. Mesmo podemos ollar o singular edificio do Corte Inglés [pechado no 2021], nunha cidade que abeirou os 40.000 habitantes nos anos 80 do século pasado, en plena expansión industrial. Hogano anda [reinventándose] polos 27.500, e conta, ademais do seu tecido industrial e comercial, coa Escola Universitaria de Enxeñería Técnica Industrial e a sede da Universidade Vasca de Verán. Tamén coa Escola de Armería… Tradicionalmente viviu da fabricación de armas [dende o século XV], xoias, electrodomésticos, bicicletas e motos. Outrosí das máquinas de coser e das “pistolas damasquinadas en ouro” que coleccionan os emires árabes…

Fonte: TurismoVasco.com

Outra fasquía que impresiona é o seu novo urbanismo ao estilo Benidorm. Medra cara arriba con edificios altos e moi amoreados, pois apenas hai espazo físico pra expandirse doutro xeito, ao estar inmersa esta cidade nun estreito e profundo val rodeado de montes boscosos. Nun deles atópase o famoso Santuario da Virxe de Arrate. Outros “puntos de interese”, ademais da praza e da casa do concello [Udaletxea Untzaga Plaza], son o Museo da Industria Armeira, o Centro de Interpretación do Frente da Guerra Civil, a Igrexa de San Andrés, o Teatro Coliseo, o multiusos Frontón Astelena, a Ermida Azitain, a Casa da Cultura, Errebal Plazia… Outrosí o Estadio Municipal de Ipurua vencellado ao equipo local de fútbol, que estivo na Primeira División da Liga española dende 2014 até o 2021 e que hogano pelexa por regresar a ela. O seu aforo foi ampliándose até sobordar os 8.000 espectadores. Porén, é o estadio con menor capacidade dos que xogaron na División de Honra. Nel podemos ollar un museo [o club foi fundado en 1948] e unha tenda abeirada.

Eibar con neve nunha foto tirada dende o Hotel Unzaga Plaza. Arquivo do autor [18/I/2023]

O centro urbano foi ganando espazo para a cidadanía con algunhas rúas peonís ampliadas nos días festivos. Cunha demografía das máis elevadas por metro cadrado do País Vasco [e con poucos espazos pra aparcar], Eibar amósase como unha cidade pioneira no emprego de escaleiras mecánicas ao exterior pra subir ás partes altas. Está atestada delas. Cun interesante patrimonio arquitectónico e industrial [xunto coa arte escultórica nas rúas], o ambiente, nomeadamente arredor do serán e da fin de semana, é moi semellante ao resto do País Vasco, onde a xente sae en “cuadrillas” pra socializar arredor duns “potes” ou duns “zuritos”, sempre acompasados dunha ampla variedade de “pintxos”… ¡Mila esker! [¡Graciñas mil!]

Fonte: Excursiones Por España
Os comentarios están pechados.