CINCO EGREXIOS PARA AS LETRAS GALEGAS
En Maceda temos en nómina un feixe de egrexios que poderían ser recoñecidos co Día das Letras. Un deles, que mesmo fixo inmersión lingüística en galego no Val do Medo cando tiña once anos, xa foi recompensado con ese galardón en 1980. Estamos a falar de Afonso X o Sabio, un macedán de adopción a tempo parcial, que lle gorentaba asinar como “rei, pola graza de Deus, de Galiza, de León, de Castela, de Toledo, de Sevilla, de Córdoba, de Murcia, de Xaén e do Algarve (Prol: 2009).
A teima de dedicar anualmente un Día das Letras Galegas a unha personalidade de Nós, fora do entrañábel activista don Francisco Fernández del Riego, que pensou no 17 de maio, pois coincidía coa data que Rosalía de Castro imprentou na primeira edición do referencial libro “Cantares Gallegos” en 1863. Cen anos despois ela sería a primeira recoñecida coas Letras, mesmo con cumprido aparato de propaganda dos “mass media” do franquismo (1963) e coa conivencia e o pulo do prestixioso Cardeal Quiroga Palacios, orixinario de Maceda e solvente personalidade comprometida coa galeguidade e co Noso País.
Os outros catro macedáns que poderían optar a ese recoñecemento son, por orde cronolóxica, o catedrático de Retórica e Poética e bardo oficial da cidade de Ourense (nacido en Castro de Escuadro), don Xosé García Mosquera, un Precursor que mesmo publicou poemas canónicos en galego (“A vida do campo”), mesmo denantes que Rosalía (Prol: 2018). Outrosí o telegrafista, farmacéutico e xurisconsulto Xosé Lois Parente, poeta da Xeración do Seminario (Carballo Calero: 1975) que, en 1933, tirou do prelo o singular poemario “Con prisma azul”. Este bardo era amigo de Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo e Alexandre Bóveda, aos que trouxo a Maceda pra dar mitins a prol do Partido Galeguista na xeira republicana (Prol: 2006). Outro macedán que podería ser recoñecido é o presbítero ilustrado, fundador das Irmandades da Fala e catedrático de Literatura, don Manuel Vidal Rodríguez, que publicou dous libros en galego e outro en bilingüe. O seu volume “Contos de antano e de hogano”, con portada de Castelao e publicado en 1920, mesmo podería incluírse nas antoloxías literarias do Noso País. Cando tiramos do prelo a nosa monografía sobre este egrexio (Prol: 2017), fixemos os deberes enviándolle ao presidente da RAG o volume e unha carpeta que incluía todos os seus textos en galego e o abondoso dossier de prensa, no que incidiamos nun titular intencionado: que merecería ser recoñecido coas Letras Galegas máis cedo que tarde… Quedaríanos o tamén presbítero ilustrado e historiador nacionalista Francisco Carballo, que puido ser prelado e renunciou á súa carreira eclesiástica pola entrega a tempo completo a Galiza dende 1973. Carballo é un dos referentes do ensaio histórico, especializado na Igrexa galega, en Martín Sarmiento e nos galeguistas e nacionalistas máis salientábeis. Dende a editora e o semanario A Nosa Terra (ANT) marcou vieiros, imprentou columnas referenciais, colaborou con revistas especializadas, creou unha Escola de Historiadores vangardista en clave Nosa (Prol / Carballa: 2002). No 2024 cúmprense dez anos do seu pasamento. É o tempo mínimo que a RAG considera necesario para poder optar ao Día das Letras. Tres académicos deben propoñer a personalidade á que lle queren dedicar as Letras. Logo vai a pleno e alí, xunto con outras dúas candidaturas máis propostas por outros académicos, votan e sae o que acada maioría. As veces con polémica incluída por algún “lobby” interesado, certos vetos freudianos ou mouros boicots á personalidade elixida (polo seu pasado de conivencia co Réxime, polo seu lusismo manifesto, pola cota de xénero, por intereses xeracionais, etc).
Ao longo dos 58 anos que van dende 1963, dedicóuselle o Día das Letras Galegas a tres relixiosos (o arcebispo Lago González en 1973, o cóengo compostelán López Ferreiro en 1978 e o entrañábel frei Martín Sarmiento en 2002). Da nómina de macedáns recensionada, temos dous relixiosos (Vidal e Carballo) que mesmo poderían incrementar esa cota. Tamén lle foron dedicadas as Letras a cinco mulleres (Rosalía en 1963, Francisca Herrera en 1987, María Mariño en 2007, María Victoria Moreno en 2018 e Xela Arias no 2021). Unha consideración final, pois os outros cincuenta recoñecidos foron persoeiros civís do xénero masculino, algún deles sen apenas obra na lingua vernácula. ¿Ulo o canon? ¿Ulo o banzo? ¿Ulo o concepto?… Os macedáns aludidos teñen méritos sobrados, mesmo comparativamente falando, con algúns/as dos recoñecidos ao longo destes 58 anos do venturoso propósito de don Paco del Riego, que mesmo asinaba co pseudónimo Salvador de Lorenzana nos tempos escuros. Seguiremos coa teima deste ornato funerario. Beizón!
N.B.- Escollemos intencionadamente esta pegatina (adhesivo, autocolante) que o amigo Bieito Seara, dende a Agrupación Cultural Os Cabaceiros, tivo a ben imprentar para agasallar aos macedáns no Día das Letras Galegas, nos anos 80 do século pasado. Arquivo: S. Prol