O NOSO CARDEAL QUIROGA; UN HOME DE ACCIÓN

O NOSO CARDEAL QUIROGA; UN HOME DE ACCIÓN

Placa á memoria de Quiroga Palacios como Fillo Predilecto de Maceda. Foto: Santiago Prol

Do libriño que se fixo co gallo da “Exposición filatélica na honra do Cardeal Quiroga Palacios” (PINCHAR EIQUÍ): Castelo de Maceda, do 17 ao 25 de maio de 2008 (páx. 18-21), imprentamos unha síntese da súa traxectoria, mesmo en clave nosa:

“Naceu na vila de Maceda ás cinco da tarde do 21 de xaneiro cando agromaba o século XX. Foi o sexto e derradeiro fillo do comandante do posto da Garda Civil da vila, Francisco Quiroga Álvarez e de Teresa Palacios Vázquez. Bautizárono na igrexa de San Pedro de Maceda o día 23 e foi inscrito no rexistro civil co nome de Fernando Eulogio ao día seguinte. Con vinte meses de idade quedou orfo de nai que finou con só 36 anos o 18 de novembro de 1902 en Esgos (onde está soterrada). Unha profunda mágoa pola ausencia materna faría que, alentado polo pai, profesase un singular culto pola Virxe dos Milagres, á que visitou no Monte Medo dúas veces oficialmente como príncipe da Igrexa (1964 e 1969). Os primeiros anos de formación pasounos baixo titoría paterna. En 1911 matriculouse en Humanidades no seminario provincial. En 1921 fixéronlle a tonsura. Ordenouse sacerdote cando cursaba 4º de Teoloxía. Celebrou unha das súas primeiras misas por expreso desexo na igrexa parroquial das Neves de Maceda.

Casa matricial de Quiroga Palacios en Maceda. Foto: Santiago Prol

Comezou a súa tarefa pastoral como cura ecónomo en Campobecerros (Castrelo do Val) en 1922. Foi coadxutor da igrexa de San Domingos en Ourense capital en 1923. Acadou en Compostela o doutorado en Sagrada Teoloxía en 1925 coa tese Dogma de propagattione pecatti originalis nullo modo rectae rattioni adversatur. Licenciouse en Sagradas Escrituras en 1928 en Roma, onde tamén perfeccionou hebreo, grego, arameo e materias relacionadas coa Biblia e a Historia do Canon. Ese ano morreu seu pai. Regresou a Ourense. O bispo asignoulle a parroquia de Razamonde (Cenlle). En 1930 exerceu como director espiritual e mesmo como catedrático do seminario maior.

Placa en Campobecerros. Foto: Santiago Prol

Na xeira republicana contactou en Auria con Otero Pedrayo, Vicente Risco, Florentino Cuevillas e Xaquín Lourenzo, membros egrexios da Xeración Nós. Tamén con Ricardo Outeiriño e outros intelectuais da cidade. Con eles mantivo amizade e relación epistolar ao longo da súa vida. Moito máis acesa con Otero dende 1950, cando o Patriarca das Letras Galegas logrou a cátedra de Xeografía da USC. Xantaban xuntos no pazo arcebispal os sábados que don Ramón non se desprazaba no Castromil a Trasalba. Quiroga Palacios publicou artigos en galego -nos anos trinta- cos seudónimos F. Pazos e Marcos en Logos -unha revista galeguista de pensamento cristián- vindicando o traballo pastoral no noso idioma: “O crego da aldea non pode levar a cabo a súa misión esencial, a súa obriga de ensinar o Evanxeo, namentres non o ensine en galego”. Dende 1935 exerceu como rexente en Santa Eufemia do Norte na capital ourensá. Cando a irracionalidade se asentou en xullo de 1936, Quiroga Palacios transformouse nun decidido home de acción na contorna de Ourense capital. Liberou do cárcere a cantas persoas puido, implorou para que non se levasen adiante execucións sumarísimas e procurou que rebaixasen penas. Mesmo oficiou polos que ían caendo, o que lle trouxo problemas. No seminario habilitou unha sección para nenos orfos de presos e paseados.

Placa da súa avenida en Compostela. Foto: Santiago Prol

En 1942 marchou a Valladolid como cóengo lectoral da catedral. Alí tamén exerceu como docente, director espiritual e consiliario do Concello. Aquel destino fóra da súa terra sería capital para todo o que viría despois. En 1945 foi designado bispo de Mondoñedo polo papa Pío XII. Comezou unha intensa obra social nun contexto moi difícil: os «anos da fame», os tempos máis duros da posguerra, mesmo co remate da II Guerra Mundial que deixou illado ao réxime ditatorial español até mediados dos anos cincuenta. Logo veu a cadeira arcebispal en 1949. Como cabeza visíbel da lgrexa, «representaba a galeguidade, o respecto ás tradicións e a esperanza de melloras para Galiza» segundo Antonio Fraguas. O Concello de Maceda declarouno Fillo Predilecto o 8 de xullo daquel ano. Foi nomeado cardeal en 1952. Ao ano seguinte, o 30 de maio, visitou a súa vila natal para agradecer o nomeamento.

Quiroga Palacios en Maceda, 30 de maio de 1953. Arquivo do Autor

En Compostela, onde continuou con éxito a política de portas abertas ensaiada en Mondoñedo, destacou como un dos maiores construtores e restauradores da arquidiocese. Impulsou a creación do Seminario Menor de Belvís, reformou o de San Martiño Pinario, continuou as escavacións da catedral coa descuberta da tumba do bispo Teodomiro, conseguiu a ampliación do aeroporto da Lavacolla, logrou vivendas sociais coa venda do sanatorio de Conxo á Deputación da Coruña, iniciou os traballos para a reconstrucción dos instrumentos do Pórtico da Gloria, activou económica e socialmente a Caritas…

Placa na cidade de Ourense. Foto: Santiago Prol

Legado Pontificio en Filipinas [1956], foi o primeiro Presidente da Conferencia Episcopal Española dende o 26 de febreiro de 1966. Deulle pulo aos tres Anos Santos nos que estivo á fronte da arquidiocese compostelá [1954, 1965 e 1971]. Fomentou as peregrinacións xacobeas e a arquiconfraría do Apóstolo Santiago. Creou o Centro de Estudos Xacobeos e a revista Compostelanum. Representou á Conferencia Episcopal nos tres sínodos de bispos celebrados en Roma [1967, 1969 e 1971]. Participou nos conclaves para a elección dos pontífices Xoán XXIII e Paulo VI. lnterveu no Concilio Vaticano II [1962-1965], o vixésimo da Igrexa Católica, onde se proclamou o ecumenismo, o apostolado dos laicos e a liberdade relixiosa. Marcouno definitivamente. Foi membro da Comisión Preparatoria, da Técnico Administrativa e vicepresidente da Comisión de Igrexas Orientais. Moi perto do remate da súa vida impulsou os traballos preparatorios do Concilio Pastoral Galego que non puido presidir, pois morreu en Madrid o 7 de decembro de 1971. Foi soterrado nun lugar privilexiado da catedral de Santiago de Compostela, ao carón do Pórtico da Gloria do Mestre Mateo.

Lápida do Cardeal Quiroga Palacios na catedral compostelá. Foto: Santiago Prol

O Cardeal Quiroga Palacios falaba con asiduidade «nun galego elegante, nidio e íntimo, cheo de nobreza expresiva como inzado na conversa cotiá» en verbas do galeguista Filgueira Valverde. Cando lle escribían en galego, contestaba en galego. En 1969 promoveu e logrou, logo de non poucos atrancos, que se puidese empregar o idioma galego na liturxia. Mantivo sempre, consonte Francisco Carballo, «unha pastoral de preocupación intensa por Galiza e foi dos que evolucionou cara formas dialogantes». Pasou á historia como o primeiro cardeal que oficiou unha misa en galego en Iria Flavia [15 de xullo de 1971] co gallo da restauración da Casa Museo de Rosalía e do 86 aniversario do pasamento da autora de Follas Novas. Home de acción máis que de pensamento, na súa vida como cardeal foi inmensamente popular e un dos que mellor coñecía a realidade da nosa terra. Fraguas -lapidario- considera que «Xelmírez deulle a Compostela o ouro da honra de facela universal, Fonseca a sabedoría e a ciencia e Quiroga Palacios a santidade». O Cardeal de Galiza -en verbas de Álvaro Cunqueiro- tivo forte influencia na sociedade do seu tempo, capacidade de comprensión infinda, dotes de bo expositor, magnífico conferenciante e unha habilidade fóra do común para a improvisación oral. Hogano permanece a imaxe dunha persoa «sinxela, transparente e xenerosa» -consonte Otero-, sempre ao servizo dos máis necesitados, a dun grande edificador e a dun defensor do vernáculo, malia o espiñento contexto histórico no que lle tocou desenvolver a súa tarefa pastoral e social”. SANTIAGO PROL

Quiroga Palacios en 1965. Fonte: Cesáreo Gil Atrio, 1996
Os comentarios están pechados.