BIEITO E OS CABACEIROS

BIEITO E OS CABACEIROS

Pegatina do segundo Fiadeiro do Mencer do Castelo de Maceda organizado por Bieito [Festas das Neves, 1985]

No libro “Conversas co Bieito” [Prol, 2022, Ed. Difusora], dedicámoslle monograficamente o capítulo 6º á Agrupación Cultural Os Cabaceiros de Maceda, que el abandeirou dende comezos da década dos 80 até o remate do verán de 1986. Dende a páxina 83 até a 104 mergullámonos de vez naquela xeira cultural. Penduramos na achega de hoxe a resposta á última pregunta dese capítulo…

¿Que significou a Agrupación Cultural Os Cabaceiros nas novas xeracións de Maceda?

“Comezaría dicindo que houbo bastantes presións dos poderes fácticos pra interferir no noso traballo. Había desconfianza porque eramos innovadores, aínda que non estabamos organizados politicamente. A política local era un desastre. Había enfrontamentos duros entre os membros do partido gobernante. A crise, coa dimisión do alcalde Salvador Pérez no segundo mandato, trouxo un deterioro da dereita política. O líder fora el. A nós ollábannos con receo. Agora ben, no tema do instituto acabamos remando todos xuntos e no mesmo senso e así logramos o que pretendiamos.

Contestando ao que me preguntas, eu fago unha avaliación positiva na que a xente se sentiu identificada con moitas cousas das que faciamos. Nós, con recursos limitados, logramos moitas cousas. Non había vías alternativas. O concello empregábase pra facer certificados de empadroamento, pra dar licencias e pouco máis. As Festas das Neves, naquela altura, organizábaas unha comisión allea ao concello. Pra min foi unha satisfacción inmensa. Até me permitiu evolucionar e pasar a outra fase.

Ti, no  solvente traballo que fixeches sobre Os Cabaceiros, no libro que o Terra e Tempo, no número 180 [Prol: 2019], imprentou sobre as asociacións culturais na ditadura e comezos da democracia, rematabas inserindo algunha fasquía que pode soar elitista, pero que considero axustada. Que tivo moitas máis luces que sombras, que foi un proxecto ben acollido, que actuou en clave Nosa, que serviu pra transformar a realidade en aspectos que semellaban imposíbeis, que foi un luxo que nun concello duns 5.000 habitantes trouxésemos á vila cinco egrexios da nosa cultura que despois serían recoñecidos coas Letras Galegas [Ferro Couselo (1996), Xaquín Lourenzo (2004), Vidal Bolaño (2013), Manuel María (2016) e Carlos Casares (2017)], que aquela Maceda en branco e negro do tardofranquismo comezara a ollar a realidade doutro xeito e que moita xente aínda lembra á Agrupación Cultural Os Cabaceiros con agarimo e consideración”.

Vídeo sobre a historia da Agrupación Cultural Os Cabaceiros de Maceda. Autor: Santiago Prol
Os comentarios están pechados.