ASADUR, PARROQUIA MATRICIAL DE F. CARBALLO

Asadur é un lugar extraordinario para a investigación, cheo de enigmas e claves para entender a súa centralidade. ¿Foi a capital dos interánmicos? ¿Foi epicentro militar na xeira romana ao abeiro da Vía Nova? ¿Pasou a ser un centro de culto relixioso gobernado polos suevos? Consonte o historiador Rodríguez Colmenero, Asadur representa un poboado romano importantísimo con moitos vestixios: epígrafe, miliario, moedas de ouro, pedras labradas, tellas… E logo, o antigo convento das monxas touquinegras, a igrexa prerrománica, a románica, o baixorrelevo…
Dende moi cativo “ía á misa coa avoa, a ver aos tíos, a rezar…” O vencello de Francisco Carballo con este lugar é vizoso: bautizo o 9 de marzo de 1925, primeira escolarización aos cinco anos en 1930, primeira comuñón aos seis anos en 1931, oficiou unha das primeiras misas en 1949, sempre imprentaba nos seus libros que era orixinario de Celeirón de Asadur e, o máis salientábel, descanso derradeiro o 13 de decembro de 2014 (incinerado como o último acto de rebeldía). Asadur era o señorío relixioso e Maceda o señorío civil. O primeiro esmoreceu e o segundo fagocitouno en 1586, data na que o señor feudal de Maceda, Antonio de Nóvoa e Lemos mercou o couto de Asadur.

O epígrafe, que vulgarizamos na primeira imaxe, é un dos documentos cincelados máis importantes da época romana e da Vía Nova. Está relacionado coa salientábel explotación mineira do Val do Medo. Foi estudado por especialistas, mesmo do estranxeiro, cando o Vaticano II acordou misar cara os fregueses, separando o altar do retablo (que foi cando se atopou esta alfaia). O investigador Rodríguez Colmenero coida que non é unha ara, como inicialmente apuntaban o arquiveiro Emilio Duro Peña, o erudito Elixio Rivas Quintas e outros estudosos. Colmenero considera que forma parte dun pedestal dunha columna ou o pé dunha estatua. Eis unha plausíbel transcrición vertida do latín: “A república interánmica dedícalle (este monumento) a Quinto Licinio, tabulario [encargado da explotación] que conseguiu contratos xustos e desvelouse con infatigábel traballo e intelixencia”. A conclusión para Colmenero é clara: eiquí houbo un castro, foi a capital dos interánmicos e eiquí está Salientibus, unha das mansións romanas da Vía Nova (a rota romana de Braga até Astorga que pasaba polo corazón da terra de Maceda).

Dentro da igrexa de Asadur atopamos, nunha singular estatua xacente, ao bigotudo Pedro Vázquez de Castro, comisario do Santo Oficio [Inquisición] e “señor de soga e coitelo”, cunha data: 1656. Na parede norte da sacristía, pola parte fóra da igrexa, hai un singularísimo baixorrelevo prerrománico [séc. IX / X], cunha cruz e unha figura no centro. Esta lousa de pedra (0,74 x 0,86) é a reminiscencia máis evidente que nos queda do mosteiro das monxas bieitas.

N.B.- Na última foto, o mantedor desta bitácora procura achegar (no Roteiro de 2017) as diferentes interpretacións dos especialistas, arredor do enigma que amosa o baixorrelevo prerrománico do mosteiro das monxas touquinegras da, antano denominada Costa de Sadur (hogano Asadur).