AO ABEIRO DOS SETE ANOS DO SEU PASAMENTO
O 29 de novembro de 2014, Francisco Carballo -como diría o seu amigo Xosé Luís Méndez Ferrín- pasou á outra banda do esquezo. Deixábanos con 89 anos lonxe da súa Galiza, aínda que en terras coñecidas, habitadas e pateadas [en Salamanca estivera dende 1965 até 1973 como reitor do teologado de Santa Marta de Tormes]. Regresou alí -xa moi magoado- ao abrollar o 2014 [ao que unha enfermeira que o coidaba nos dixo que “era o cemiterio de elefantes dos paúis” de todo o territorio español, que tiñan en Salamanca o seu xeriátrico definitivo]. É usual que os paúis que morren alí, se enterren alí. Porén, Francisco Carballo está soterrado na campa da parroquia de Asadur [Maceda], pola vehemencia da súa sobriña Milagros Calvo Carballo perante as autoridades da orde, ao salientar que esa era a súa vontade derradeira, que así o deixara escrito no libro de Conversas [Prol / Carballa, ANT, 2002] e noutros documentos. Cumpriuse o que el desexaba, mesmo incinerado e descansando definitivamente na súa terra de orixe. Pasaron sete anos. Nese medio tempo artellamos a Asociación Amigos de Francisco Carballo [AAFC], que leva organizados cinco roteiros polo que demos en chamar “Os lugares de Francisco Carballo”. Os dous últimos anos, por mor do bicho [Covit-19], quedamos en “stand-by”. Agora ben, procuramos peneirar eiquí as súas fasquías vitais e intelectuais sen présa, pero sen pausa: teólogo, historiador, xornalista, político, director de centros de ensino [Marín, Barakaldo], reitor [teologado dos paúis en Salamanca], presidente de asociacións [Cultural de Vigo], impulsor de medios de comunicación [ANT, SERMOS GALIZA], presidente dunha editorial clave prá nosa memoria [Promocións Culturais Galegas], inculturación da Igrexa galega [Encrucillada, Irimia]… Outrosí exhumando recensións de libros, tirando das Conversas, mesmo das Memorias inéditas [que nos pasou a Xan Carballa e a Santiago Prol], das súas viaxes, das imaxes da súa vida, etc, etc [como diría e escribiría el]. Escollemos desta volta unha foto salientábel na que aparece votando [no barrio de Lavadores en Vigo] nas Eleccións Xerais de outubro de 1982 [arrasara o PSOE de Felipe Gónzalez con 202 escanos e con aquel “escuro” 23-F do ano anterior como pano de fondo]. Naquela altura Francisco Carballo era candidato ao Congreso dos Deputados pola circunscrición de Pontevedra na coalición Bloque-PSG, na que o nacionalismo obtivera 38.437 votos. Queremos agradecerlle expresamente a Xan Carballa que tivese a ben pasarnos este documento gráfico capital do presbítero ilustrado de Maceda, que fornece a bitácora e segue a manter acesa a chama da súa memoria como persoa entregada ao servizo do Noso País; a esa Galiza á que regresou en 1973 para traballar a tempo completo pola dignificación de todos Nós. ¡Beizón!