AO ABEIRO DO 50 ANIVERSARIO DO PASAMENTO DO CARDEAL QUIROGA PALACIOS
Ao empardecer decembro de 2000, ano do centenario do nacemento de Quiroga Palacios en Maceda, artellamos unha exposición na igrexa parroquial coa conivencia do cura-párroco da nosa vila, Manuel Vences. Outrosí celebramos unha mesa redonda no salón de actos da Casa do Concello. Escribimos daquela columnas sobre o Cardeal de Galiza en varios medios [A Nosa Terra, La Región, La Voz de Galicia…]. Ao abeiro do 50 aniversario da morte de Quiroga Palacios, fillo predilecto de Maceda, exhumamos a lúcida columna que F. Carballo imprentou no semanario ANT [21/XII/2000], na que aseveraba que o Noso Cardeal fora acoitelado pola dereita e pola esquerda:
“O 7 de decembro de 1971 falecía o Cardeal Quiroga en loor de multitudes. Está sepultado ao pé do Santo dos Croques, na catedral de Sant Iago. Aos 100 anos do seu nacemento, volta a pregunta pola significación deste cardeal na historia de Galiza. Fernando Quiroga naceu en Maceda no 1900. Viviu en Ourense desde os 8 anos até o 42. Foi bispo de Mondoñedo do 45 ao 49 e arcebispo de Sant Iago de Compostela do 49 ao 71. Cardeal dende o 52. Escribira en Logos (1931-36) artigos en galego; nun deles afirmaba que era imposíbel unha pastoral rural noutra lingua da galega. Nos anos 60 intentou e conseguiu legalizar o galego na liturxia e oficiou, xa no 71, na nosa lingua. O seu andar pastoral na arquidiocese axustouse aos tempos do Concordato de 1953. Fíxoo con grandeza, maxestade, moderación e amor aos humildes (…). Foi ante todo un construtor; inzou de tempos novos a arquidiocese, levantou o Seminario Menor de Belvís e reparou o Seminario Maior de San Martiño.
No 63 sentiu que aquel tinglado brillante de misións, Acción Católica, exercicios, novenarios, etc, afundía. Membro activo do Concilio Vaticano II, interveu 8 veces en sesións conciliares. Non estaba na órbita dos progresistas; tivo dificultades de aceptación da liberdade relixiosa e na desmontaxe do “nacional-catolicismo español”. Fora amigo de Franco; defendera sempre aos galegos e a Galiza, estimaba o seu poder tribunicio. O Vaticano II crebou o seu ánimo e aceptou cambiar.
Elixido presidente da Conferencia Episcopal Española (1966-69), buscou a paz, o diálogo cos perdedores; acolleu con coraxe os principios da Asamblea Conxunta de clero e bispos no 71. Deu pasos firmes cara o Concilio Pastoral de Galiza. Sentiuse galego sempre, falou na nosa lingua, transmitiu o desexo da súa normalización, acolleu con sorriso e amor aos que apostaban polo cambio. Morreu acoitelado pola dereita e pola esquerda: aberto, comprensivo, leal, non daba un paso de cambio sen que o empurraran. Mentres el tendía a man, outros bispos, de Ourense, de Lugo ou Vigo, vexetaban no máis cru integrismo e ignorancia da terra que lles daba de comer”.