A OFRENDA DO 25 DE XULLO EN COMPOSTELA

A OFRENDA DO 25 DE XULLO EN COMPOSTELA

Fotomontaxe do Cardeal Quiroga Palacios e a catedral. Fonte: Lemos / Luna, 2004

No núm. 1.233 do semanario ANT (27/VII/2006), Francisco Carballo imprentou unha oportuna columna sobre a ofrenda do 25 de Xullo [Día do Apóstolo Santiago para a Igrexa, Día de Galicia para as institucións e unha parte do pobo galego ou Día da Patria para o nacionalismo e o independentismo en clave Nosa]. Eis o aquelado texto:

Ofrenda do Ano Santo de 1971. Fonte: Lemos / Luna, 2004

“Dúas ofrendas teñen relevancia entre nós, a “real” o día do Apóstolo Santiago, e a “sacramental”. As dúas teñen antigüidade e foron formalizadas no século XVII. A sacramental que ten referencia no escudo de Galiza, é realizada por un dos representantes dunha das sete cidades cabeceiras do Antigo Reino. A real correspóndelle á Monarquía en persoa ou en delegación. É unha ofrenda para significar o padroado santiagués de España. A forma de emitirse a ofrenda na misa pontifical do 25 de Xullo, contén simboloxías arcaicas. Quere manter a alianza entre o trono e o altar. Diríxese ao Apóstolo como poder protector de España e da Coroa. Soa todo o discurso a fetichismo.

O Cardeal Quiroga Palacios respostando ao xefe do Estado o 25 de xullo de 1971. Fonte: Lemos / Luna, 2004

Debemos entender que unha misa é un acto estritamente relixioso. Que toda invocación cristiá se dirixe a Deus e que aos santos os homenaxeamos. O poder político, como tal, non ten senso nunha celebración eucarística; a asistencia de dirixentes políticos crentes da confesión que celebra, é persoal e non política. España é un estado aconfesional. Galiza unha nación cun goberno bipartito [naquel intre de 2006] con diversidade ideolóxica e relixiosa. Alégrame que neste 25 de Xullo, a misa pontifical da ofrenda exprese a diversidade ideolóxica do Bipartito e suxira a urxencia de modificar ese rito arcaico para que sexa conforme ás esixencias dun catolicismo actual e dunha Galiza que celebra a súa festa con dignidade e sen submisións rituais contrasignificantes. A Igrexa galega que se manifesta o Día do Apóstolo, na festa da Patria, ten necesidade de expresar a súa identidade católica que acepta o Vaticano II e non desmerece con ritos trasnoitados de significación autoritaria”. 

Escudo de Galiza. Fonte:  www.bandeiragalega.com

N.B.- As tres primeiras imaxes tirámolas de Fotobiografía del Cardenal Quiroga Palacios (Lemos / Luna, 2004). A segunda corresponde á ofrenda do Ano Santo de 1971, con Francisco Franco [suplindo á Monarquía na invocación] na súa condición de xefe do Estado. Na terceira aparece o Cardeal Quiroga respostando a Franco [o acto fora retransmitido por TVE en directo para todo España, ao igual que -sete meses antes- o intre dos tres martelazos para abrir a Porta Santa, que inauguraba o Xubileo de 1971, o último que presidiu don Fernando Quiroga Palacios, pois finou o 7 de decembro daquel ano]. Na última imaxe aparece o escudo de Galiza coas sete cruces das sete cidades cabeceiras do Antigo Reino: Betanzos, Mondoñedo, Tui, Lugo, Ourense, A Coruña e Santiago de Compostela (pinchar eiquí).

Os comentarios están pechados.