O LIBRO DAS “CONVERSAS” PENEIRADO NA REVISTA “YUCA” (1)
En setembro de 2003, o escritor e psicólogo Abel Yebra Faba -orixinario de Valtuille de Abajo (O Bierzo)- remataba de peneirar a fondo o libro que Xan Carballa e nós mesmos artellamos co presbítero ilustrado de Maceda e que saíra publicado o ano anterior. Fixérao para o boletín informativo –bimestral- do Grupo Yuca, abandeirado por ex paúis e con sede en Hortaleza (Madrid). Sairía imprentado en 6 achegas ao longo do ano 2004. Elaborado dende unha óptica allea ao contexto galego, imos fragmentar e verter esa aproximación crítica. Preferencia aspectos relixiosos do libro sobre outras fasquías (ao tratarse dunha revista na órbita dos padres paúis de ámbito estatal). Identifícanos Yebra aos dous como xornalistas, aínda que só Xan se axusta a ese perfil…
Co título “Conversas con Francisco Carballo. Resumo e crítica” comeza Abel Yebra cun primeiro apartado:
1. O Libro: “Dous xornalistas galegos, Santiago Prol e Xan Carballa, despois de numerosas reunións de traballo co protagonista, elaboraron este libro que titulan, con xusteza, “Conversas con Francisco Carballo”, Ed. ANT, Vigo, abril, 2002. É un entramado de reflexións engarzadas en preguntas guía e respostas coloquiais. O resultado é un volume de algo máis de 200 páxinas, exposto cun estilo xornalístico, áxil e dinámico, que fai máis doada e amena a súa lectura. Arredor da biografía de Francisco Carballo, exponse o seu pensamento sobre cuestións de actualidade relixiosa e socio-política. O libro está estruturado en cinco capítulos: 1) Maceda, os primeiros anos. 2) Relixión. A inculturación da fe. 3) A docencia. Fronte ao pensamento único. 4) O nacionalismo, a conciencia de País. 5) A Historia. Contra a manipulación da memoria. Neste resumo seguirei un índice máis temático, posto que no desenvolvemento do texto mestúranse algunhas cuestións.
2. Francisco Carballo. 2.1 Biografía básica. 1925.- Nace o 8 de marzo no lugar de Celeirón (concello de Maceda). 1949.- Ordenado sacerdote paúl. 1950-51.- Estancia en Londres. 1952-55.- Profesor no Filosofado de Hortaleza. Licenciado en Historia pola Universidade Complutense. 1956-57.- Misioneiro interior. 1958-65.- Director do Colexio de Barakaldo (Biscaia). 1966-72.- Reitor do Teologado de Salamanca. 1973-90.- Profesor na Escola de Maxisterio en Vigo e logo do Instituto Politécnico en Pontevedra. 1990.- Xubílase. Superior da Comunidade de Paúles de Marín (Pontevedra)” (…).