O SINGULAR VIVEIRO DE MACEDA (1)
Pra contextualizar as orixes do actual Vivieiro de Maceda do Grupo Tragsa, imos tirar das “Conversas co Bieito” (Prol, 2022). No capítulo “Concello. A política local”, preguntámoslle ao amigo Xosé Bieito Seara, logo de falar do fenómeno da carretaxe de votos na nosa contorna, se podía contar algunhas anécdotas da súa xeira como alcalde de Maceda (1995-1996). Eis o que nos contou sobre o que hoxe nos interpela (pp. 131-132):
“A cuarta anécdota é unha de poder económico salientábel. Estou falando do que orixinariamente se chamou Videgal, que xa estaba operativo. Fora iniciativa dun potente empresario que se chama José Rodríguez Álvarez. Tiña unha construtora, levaba transportes e tamén áridos [grupo de empresas Oteca]. O inmenso viveiro instalado en Maceda, fíxoo el pra aglutinar intereses da Consellería de Agricultura que levaba Tomás Pérez Vidal naquela altura [no contexto das novas subvencións para a reforestación de terras agrarias da PAC (Política Agraria Común)]. Había un deseño da política forestal pra implantar certo tipo de especies arbóreas en Galicia e no resto do Estado español. Necesitaban un viveiro daquelas características. Viñera Manuel Fraga Iribarne, como presidente da Xunta de Galicia, á inauguración o 15 de setembro de 1993. Investíranse arredor duns 430 millóns de pesetas nel. Aquel pioneiro proxecto pretendía producir 10 millóns de árbores ao ano en Maceda. Fíxate ben na cantidade que barallaban.
Cando eu cheguei á alcaldía, dous anos despois de inaugurado, non lles estaba funcionando como consideraban e querían pasarllo a Tragsa, que é un grupo empresarial de carácter público vencellado ao Ministerio de Agricultura e que pertence á SEPI [Sociedade Estatal de Participacións Industriais]. Vai na liña de fomentar o desenvolvemento do rural e a conservación da natureza.
Cando eu estaba de alcalde, pra transferirllo a Tragsa, necesitaba licenza municipal que non tiña. Xa ves, o típico. Faise unha obra daquelas características, mesmo co presidente da Xunta de Galicia inaugurándoa, e non ten licenza municipal. Pediran permiso, pero aínda non tiñan concedida a licenza. Lembro que viñera a Maceda aquel empresario nun cochazo da marca Mercedes cun chofer uniformado. Pedírame cita pra falar comigo en persoa no meu despacho da alcaldía e resolver o tema da licenza. Eu contesteille que non había ningún problema, pero que tería que pagar o imposto correspondente. Comenteille que el puxera na documentación que nos presentara, a cantidade de 2 millóns de pesetas [12.020 euros] como valor de Videgal, no canto dos 430 millóns que custara oficialmente [2.584.352 euros]. O dous por cen de 2 millóns de pesetas era “de traca”. Logo preguntoume canto coidaba eu que valía. Saqueille o dossier de prensa no que saíra publicada a cantidade que el mesmo inflara aínda máis. Contestoume que dixera aquilo pra “fachendear” e que viñera a Maceda persoalmente pra arranxar aquel choio. Como non quería pagar o que legalmente lle correspondía, marchou todo cabreado. Logo arranxou o tema ao comezo do trienio negro do Julito e do Gregorio (1996-1999)… En 2008, con nós xa gobernando Galicia no Bipartito (2005-2009), visitou o Viveiro de Maceda a ministra Elena Espinosa, que levaba Medio Ambiente no Goberno de Rodríguez Zapatero (PSOE)”.