AO ABEIRO DO CABODANO DE F. CARBALLO
O 29 de novembro de 2014 finou Francisco Carballo con 89 anos lonxe da súa terra de orixe. Até Santa Marta de Tormes (Salamanca) fomos, para acompañalo no fatal desenlace, amigos e familiares, co alcalde de Maceda [naquela altura Xabier Oviedo] representando institucionalmente ao concello que o vira nacer. Deixara imprentado no libro das “Conversas” (Prol / Carballa, 2002) que arelaba “o descanso derradeiro en Asadur, na campa parroquial, un cemiteiro silencioso, de sepulturas no chan, cuberto de herbas e flores que significaban a paz, o encontro coa natureza e co Creador”. Mesmo se decantaba pola incineración como derradeiro acto de rebeldía: “Voltar á terra da que formamos parte”. Abofé que o conseguiu pola teimuda intervención da súa sobriña Milagros Calvo Carballo perante os dirixentes dos Paúis de Salamanca que o querían deixar alí.
“A vida non ten sentido sen a morte, a morte é consubstancial á vida. ¿Que hai despois da morte? Toda a tradición cristiá e toda a educación recibida, ten unha perspectiva de que algo queda despois da morte. Unha sobreexistencia, un encontro co “Absoluto”, algo que non somos capaces de definir con precisión. Nos textos revelados é moi imprecisa a referencia (…). Na pastoral dos cristiáns, dende o século XII até onte, o medo á morte e ás súas consecuencias foi capital. Iso hai que superalo. Hoxe dicimos que a morte é unha proba. A relixión pretende darlle sentido á vida e á morte. Enmárcase na busca do sentido da vida e da superación da morte” (pp 26-27, CONVERSAS CON FRANCISCO CARBALLO, PROL/CARBALLA, ANT, 2002).