MÉRIDA E O LAGO PROSERPINA
Achegámonos a Mérida un bo feixe de veces dende os anos 80 do século pasado. A maioría pra ollar espectáculos no Festival de Teatro Clásico. Non sempre con obras tradicionais. En xullo de 2014 quedamos impresionados coa actuación da coreógrafa Sara Baras e a súa “Medusa, la guardiana”. Agora ben, a actuación que nos quedou fixada pra sempre foi a homenaxe ao poeta Rafael Alberti, na apertura da 34º edición deste singular evento. Fora o 3 de xullo de 1988. Cun guión do director do festival, o histórico José Monleón, xunto co director teatral Lluis Pascual e o propio Alberti. Titulárano “De lo vivo a lo lejano”. Un percorrido escénico pola súa vida e pola súa obra literaria. Ademais de Rafael Alberti [que estaba en silla de rodas por problemas de mobilidade aos seus 86 anos de idade], puidemos ollar á actriz Nuria Espert, aos actores Paco Rabal e Nacho Martínez, ao guitarrista Manolo Sanlucar, á soprano Montserrat Caballé e ao pianista Miguel Zanetti [interpretaron o poema “Se equivocó la paloma” que musicara Joan Manuel Serrat]. Pra coller as entradas estiveramos case súas horas facendo cola. Daquela non se mercaban “on line”. Fora unha xornada memorábel. A crónica do evento aparecera no xornal El País, que daquela mercabamos a cotío.
As primeiras veces que nos achegamos a Merida aparcamos o Citroên Dyane 6 vermello na praza do concello. Chea de soportais semella unha estancia abondo agradábel pra facer un receso. Desta volta estivemos nun outono moi apracíbel. No verán as temperaturas en Mérida acostuman ser moi elevadas para os parámetros dos que somos orixinarios do noroeste. Daquela abeiraba os 40.000 habitantes. Hogano, coa capitalidade da autonomía extremeña, subíu até case os 60.000 habitantes. Porén, segue sendo unha pequena urbe moi asequíbel [hoxe recoñecida como Cidade Patrimonio da Humanidade]. Aínda se pode aparcar cerca do casco histórico.
Ao ser unha colonia romana moi estratéxica abeirada ao río Guadiana, e tamén nudo de salientábeis vías romanas, axiña se trocou na capital de toda a provincia de Lusitania. Ademais do teatro e do anfiteatro romanos, hai restos de dous acueductos que fornecían de auga á cidade. Tamén podemos ollar parte do que foi o que hogano lle chaman Arco de Trajano. Outrosí a ponte romana de case 800 metros de lonxitude con 62 arcos, o circo con capacidade pra 26.000 espectadores, columbarios, casas patricias… Tamén hai vestixios da xeira árabe coa alcazaba, que hogano se utiliza -en parte- como edificio institucional da Junta de Extremadura.
Deambulando polas rúas do casco histórico de Mérida, ollamos os vestixios dun singular edificio no que no seu día estaba o foro. A única construción relixiosa da xeira romana que se mantén. Hai 2.000 anos había tres monumentos destas caracteristicas na cidade. Nel podemos observar como no século XVI asentaron un edificio civil dentro do templo de Diana [Palacio do Conde los Corbos]. O Museo Nacional de Arte Romano áchase moi perto do teatro e do anfiteatro. Un abraiante deseño do arquitecto Rafael Moneo. Nas súas tres plantas podemos ollar vizosos fondos escultóricos, cerámica, mosaicos, moedas, vidros, bronces, lápidas, columbarios e demais vestixios da xeira romana. Outrosí, no soto, outras pisadas daquela época.
Unha visita case obrigada entorno a Mérida é o Lago Proserpina. Un espazo singular abondo interesante. Este lago artificial fora construído polos romanos pra abastecer de auga á cidade. Áchase a uns 5 quilómetros do centro urbano de Mérida. Nel hai un camping e varios “chiringuitos”. Tamén se emprega como praia fluvial. Mesmo ten habilitado un camiño pra facer sendeirismo. O dique romano, de case un quilómetro de lonxitude, amosa os coñecementos de inxeñería que tiñan hai 2.000 anos…
Non penduramos nesta achega ninguha foto do iconográfico Teatro Romano de Mérida. Atopamos un vídeo moi aquelado co titulo “24 horas en Mérida” de VIAJANDO A NUESTRO AIRE, que pode achegarnos ao mesmo e ao conxunto desta Cidade Patrimonio da Humanidade dun xeito informal. ¡Beizón!: