VÍDEO ARREDOR DO TRABALLO SOBRE A AGRUPACIÓN CULTURAL OS CABACEIROS (TERRA E TEMPO: 2019)

VÍDEO ARREDOR DO TRABALLO SOBRE A AGRUPACIÓN CULTURAL OS CABACEIROS (TERRA E TEMPO: 2019)

En novembro de  2018 recibimos unha chamada do presidente do Padroado da Fundación Terra e Tempo, Roberto Vilameá Ponte. Pasáralle o noso teléfono o amigo xornalista Xan Carballa. Demandábanos un traballo sobre a Agrupación Cultural Os Cabaceiros de Maceda, para un libro que se titularía “Resistencia e expansión cultural. Crónica do movemento cultural galego na ditadura (1961-1976)” [Terra e Tempo, núm. 180: 2019]. Xa repararemos polo miúdo naquela achega, a máis extensa de todo o volume (14 páx.). En Nadal de 2019 presentamos aquela publicación baixo o paraugas da Asociación Amigos de Francisco Carballo [AAFC], no salón de actos da Casa do Concello de Maceda. Paralelamente montamos un audiovisual para proxectalo alí. Inseriuno o activista Juan José Pérez en Maceda na Rede, non sen antes requirirnos un pequeno texto de presentación:

“Ao longo de 120 fotografías, documentos, autocolantes e outros vestixios, mergullámonos [en imaxes] arredor do texto dos “12 anos de concienciación e de identidade d´Os Cabaceiros de Maceda” [Prol: 2019, Terra e Tempo, núm. 180, pp 36-49]. As primeiras imaxes reflicten eventos relixiosos, sociais e deportivos dos anos 50 e 60, que mesmo coinciden -e contextualizan- as décadas de nacemento dos membros das xeracións que protagonizaron as dúas xeiras d´Os Cabaceiros. A segunda parte reflicte a etapa que vai dende o Nadal de 1974 até 1980, centrándose maiormente nas primeiras xornadas culturais na vila de Maceda. O terceiro tramo atinxe dende 1981 até  as derradeiras xornadas do verán de 1986…”. Eis o audiovisual ao que lle puxemos -coa axuda da nosa filla-, como música de fondo, o fermoso poema de Bernardino Graña, “Volvín á terra pro perdín o amor”, maxistralmente musicado e interpretado polo cantautor Suso Vaamonde. Beizón!

Os comentarios están pechados.