VIDA PRINCIPESCA EN MEIRÁS

VIDA PRINCIPESCA EN MEIRÁS

Escaleiras entrada principal das Torres de Meirás. Foto: Santiago Prol

Nos cinco veráns que Manuel Vidal (Prol, 2017) pasou na Granxa de Meirás, puido comprobar que a vida cotián dentro do pazo semellaba extremadamente ordenada e metódica. Sempre pululaba polo interior unha cuadrilla de operarios: “parecía en cierto modo un cenobio monástico”. Comíase e ceábase a toque de campá. Había continuamente buligando polo pazo amigos da condesa ou dos seus descendentes (Jaime, Blanca e Carmen), entre os que sobresaían sacerdotes, literatos e artistas, que pasaban alí tempadas de verán.

Nas Torres de Meirás ideou, planificou e fixou algúns dos seus libros máis salientábeis dona Emilia. Recluíase na súa cela de traballo até a hora de xantar. Consonte Vidal levantábase ás catro e media da mañá. Baixaba ao xardín e daba un breve paseo polo parque. Ás cinco en punto xa estaba traballando até a unha e media da tarde. Non recibía a ninguén agás algunha urxencia. Ás oito en punto unha doncela servíalle unha taciña de café con leite. Ao longo da mañá facía pequenos descansos asomándose ao balcón de pedra para ollar a ría de Sada en toda a súa plenitude. Durante as seis primeiras horas lía, meditaba, mesmo escribía o que considerase. Nas últimas horas da mañá pasaba o manuscrito á maquina persoalmente, facendo as correccións que lle parecesen axeitadas.

Sala na planta baixa de Meirás. Foto: Santiago Prol

Á unha e media escoitábase nas Torres de Meirás o primeiro toque de campá para xantar. A condesa deixaba o seu traballo. Baixaba e vestíase. Ás dúas en punto escoitábase o terceiro toque de campá. Todo o mundo debería estar sentado na mesa agás ela, que sempre se retrasaba uns minutos intencionadamente. O xantar era “suculento e xeneroso”: sopa ou caldo galego, logo catro ou cinco pratos selectos e variados, entremeses, postres de cociña, queixos e froitas variadas. Apenas se bebía viño, aínda que todos tiñan a disposición un servizo del. A maioría decantábase por beber auga.

Cruceiro de Meirás, a carón da pérgola. Foto: Santiago Prol

As comidas do mediodía nas Torres de Meirás duraban até as tres da tarde. Logo trasladábanse á pérgola circular de pedra, protexida por mestas árbores e plantas rubideiras. Alí tomaban o café e proseguían co parladoiro. Ela permanecía na pérgola lendo a correspondencia e os xornais até as catro e media.

Ás seis e media chegaba a Meirás xente notábel da contorna ou da cidade da Coruña, para pasar outras dúas horas de parladoiro coa condesa e os seus. Tomaban o té, “un verdadero lunch o espléndida merienda. Era un té historiado, con ilustraciones de jamón en dulce, empanadillas, langostinos, tocinos de cielo, requesón, manteca, licores suaves y pastas variadas. También el té con leche”. Compartíase en grupos de catro ou cinco persoas en distintos veladores. Ás oito e media comezaba o desfile de coches. Os fillos dos nobiliarios, que pululaban por alí, saían de paseo. A condesa quedaba no interior dos muros das Torres de Meirás lendo até a hora da cea. Manuel Vidal tiña costume de pasear polos arredores, facendo case todos os días sete ou oito quilómetros. Sempre procuraba regresar denantes das oito e media da tarde, para departir persoalmente coa condesa sobre temas que aos dous lles motivaban.

Torres de Meirás. Foto: Santiago Prol

Ás nove e media, logo do terceiro toque de campá, todo o mundo estaba á mesa en Meirás para a cea. Era “relativamente frugal” consonte o presbítero ilustrado de Maceda: tres pratos lixeiros, fresas e compota de mazá. Ás dez remataban o ágape e non había conversa logo da cea, pero si tempo para o xogo. A Manuel Vidal non lle gustaba o póker nin o xadrez. Moito menos o tresillo, que non lle producía “emoción” porque sempre estaba distraído. As afeccións do presbítero macedán eran a lectura, a conversa e a caza menor, mentres permanecía en Meirás. Polos arredores apañaba rulas e paspallás coas que fornecía os víveres do pazo.  As lebres da Granxa de Meirás, debía respectalas, xa que logo saían e entraban ceibes, baixo a escrupulosa protección da condesa. Manuel Vidal, cando se desprazaba do seu domicilio habitual en Compostela, facíase acompañar da súa escopeta de caza e da súa cana de pescar. Algunha vez, moi a desgana, xogaba ao xulepe dende ás dez ás once da noite. Mesmo confesa que podía perder até 10 pesetas por noite. Recoñecer un sacerdote iso, merece ser subliñado, mesmo sendo autor dun libro no que arremetía furibundo contra o xogo. Ás once comezaban, os invitados e achegados que residían nas Torres de Meirás, a retirarse cara as súas habitacións.

Pentafoto. Fonte: “Manuel Vidal, un presbítero ilustrado de Maceda”. Santiago Prol, 2017

Os comentarios están pechados.