UN LUSTRO NO ORFEÓN UNIÓN ORENSANA (1)

Foron cinco anos intensos e moi gratificantes. Xerardo Salgado Valdés, catedrático de Música na Escola Universitaria de EXB de Ourense e organista oficial da Catedral de Auria, invitounos pra que formasemos parte do orfeón da cidade que dirixía el. Fornecía voces co alumnado de Maxisterio, cando consideraba que esta coral polifónica as demandaba. Foi ao comezo do curso 1978-79 cando comezamos aquela aventura xunto con media ducia de compañeiros e compañeiras de aulas. Fíxonos probas de voz e considerou que, no noso caso, formariamos parte dos tenores. A agrupación coral, naquela altura estaba composta por unhas cincuenta voces.
O Orfeón fora creado en 1887, cando erixiran a estatua á memoria do Padre Feixoo na cidade. Na altura do noso lustro nela, en Ourense, ademais da nosa coral polifónica, estaba a Coral de Ruada, que interpretaban outro tipo de música máis popular. Nós iamos nunha liña moi clásica, mesmo interpretando a Bach, Meldelssohn, Ketelbey, Mozart, Beethoven, Verdi, Schubert, Monteverdi, Villa Lobos, O. di Lasso… Outrosí galegos egrexios: Montes, Veiga, Vide, Santorum, o propio Salgado Valdés… Tamén xente, a nivel de Estado, como Cristobal Halffter, Nadal Puig, Guerrero…
A imaxe que acompaña esta achega, é a portada do primeiro LP da nosa coral. Tivemos a fortuna de formar parte dela naquela altura. Estamos posando nas escaleiras da fachada principal da Catedral de Ourense, recen inauguradas. Gravaramos o disco no interior da propia catedral o 7 de maio de 1980. Estivera con nós o cantante Suso Vaamonde, director de produción do selo discográfico DIAL LIMOEIRO. A foto fixéraa Mazaira e o son e misturas Toni Martínez. O disco incluía seis temas do noso director Salgado Valdés. Outrosí seis temas de clásicos: Bach, Halffter, Ketelbey, Meldelssohn, Guerrero e Nadal Puig. Fora todo un éxito que mesmo nos deu moita proxección pública. Ao ter un vinilo gravado, podíase emitir pola radio, un medio fundamental para a súa difusión na altura de 1980. Logo gravariamos outros dous dos que falaremos en chegando xunto con outras fasquías. Beizón!