TRES PLACAS DE LEMBRANZA É UNHA BIBLIOTECA
Co gallo da homenaxe que lle fixemos a Francisco Carballo en Maceda, o 4 de agosto de 2000, colocouse unha placa na súa casa natal que o emocionou ao descubrila. O texto procuraba telegraficamente poñer o foco na súa traxectoria: “Nesta casa naceu o teólogo e historiador Francisco Carballo Carballo o 8 de marzo de 1925. Un referente na conformación dun proxecto social e cultural para Galiza”.
A segunda imaxe corresponde á placa que a familia tivo a ben poñer na campa de Asadur logo do pasamento do fillo sobranceiro de Maceda. Carballo falecera o 29 e novembro de 2014 en Santa Marta de Tormes, Salamanca. As súas cinzas (incineradas) foran soterradas, a carón das da súa nai, no cemiterio de Asadur, o 13 de de decembro daquel ano. Na placa aparece un sinxelo texto: “Eiquí descansa Francisco Carballo, 1925 – 2014”.
A terceira imaxe corresponde á placa posta na praza, que o Concello de Maceda tivo a ben dedicarlle no solpor da última lexislatura do alcalde Xabier Oviedo (primavera de 2015). Agora ben, o acto de execución foi adiante na segunda lexislatura do alcalde Rubén Quintas (14/IX/2019). No texto, moi parecido ao da primeira placa desta achega, reza: “Praza Francisco Carballo. Un referente na conformación dun proxecto histórico, social e cultural para Galiza. Maceda, setembro de 2019”.
Tres placas en tres dos “Lugares de Francisco Carballo”: na súa casa matricial en Celeirón, no ceminerio da súa parroquia en Asadur e na parte alta da vila de Maceda, moi perto da Biblioteca Pública que leva o seu nome por iniciativa do alcalde Bieito Seara dende 1995. Beizón!